Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión creará un Consello Escolar Municipal


O alcalde de Brión, José Luís García, vén de comunicarlle aos representantes das ANPAS das escolas infantís dos Ánxeles e da Luaña, do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión que o Concello de Brión creará o solicitado Consello Escolar Municipal. Neste sentido, García asegura que “o Concello comprométese a traballar na confección do regulamento preciso para a creación do Consello Escolar Municipal de Brión e darlle traslado deses traballos a todas as asociacións que promoven a súa creación para que nos comuniquen calquera aspecto que permita mellorar a súa redacción e o funcionamento futuro do Consello Escolar”.

Unha aceptación que xa lles foi transmitida aos representantes das ANPAS, na que se lles informa de que, de acordo co disposto na Lei 3/1986 de Consellos Escolares de Galicia, o Pleno do Concello de Brión deberá aprobar un regulamento que recolla, entre outros aspectos, a creación do propio Consello Escolar, o seu funcionamento, os procedementos de elección dos seus membros… así como dar constancia á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Un procedemento que podería levar o seu tempo xa que hai que ter en conta a problemática que xurdirá a finais deste mesmo ano cando o director do Colexio de Pedrouzos, un dos membros do Consello Escolar, se xubile. “Non resulta moi convinte iniciar a constitución dun Consello Escolar cando un dos seus membros vai xubilarse porque, para garantir a eficacia deste Consello é necesario que o seu mandato teña unha duración no tempo o máis longa posible”.