De luns a venres abrirá de 8.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.30 horas. Os sábados tamén abrirá pola tarde. Con esta medida quérese dar resposta ás necesidades plantexadas polos estudantes de Ordes na época de exames
O Concello de Ordes vén de anunciar a ampliación do horario da biblioteca municipal durante os meses de maio e xuño. Unha medida coa que se quere dar resposta ás necesidades que estudantes e opositores usuarios e usuarias deste espazo teñen durante a época de exames e avaliacións.
Deste xeito a biblioteca permanecerá aberta de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.30 horas. Os sábados de 10 a 14 horas e ademais tamén en horario de tarde, concretamente de 15.30 a 21.30 horas. Hai que ter en conta que na nova franxa horaria deste día non estará habilitado o servizo de préstamo de libros e documentos.
“Nos últimos días foron varias as peticións que se rexistraron no Concello en relación a este tema”, explica a concelleira de Educación Susana García Gómez. “Son moitas e moitos os estudantes de bacharelato, universitarios e opositores que cada día fan da nosa biblioteca o seu lugar de estudo, polo que comprendemos a súa demanda. É a nosa responsabilidade facilitarlle o máximo posible o seu traballo. Para iso decidimos nestes meses organizar o servizo priorizando e tendo como base as necesidades reais plantexadas”, asegura García Gómez.