As próximas sesións terán lugar o 26 e 27 de maio e o 15 de xuño. Inscrición previa totalmente gratuíta na Casa da Cultura de Brión
As campás de Bastavales volveron facer maxia esta fin de semana na Igrexa de Bastavales (Brión) e tanto Rosalía de Castro como o antigo campaneiro do lugar acompañaron a preto de 150 persoas nun percorrido pola vida e obra da autora de “Cantares Gallegos”. Unhas visitas teatralizadas coa compañía “Os Quinquilláns” organizadas polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, dentro da súa programación especial do Mes das Letras Galegas.
As próximas visitas teatralizadas terán lugar a próxima fin de semana (26 e 27 de maio), así como o 15 de xuño. A hora de inicio será ás 19:00 horas, salvo o domingo 27 de maio que será ás 18:00 horas. A visita é totalmente gratuíta, previa inscrición na Casa da Cultura de Brión (981 509 908).
A visita teatralizada dura aproximadamente 45 minutos. Comeza coa aparición do antigo campaneiro de Bastavales, que recibe aos presentes no exterior da igrexa e os vai guiando pola historia da igrexa de Bastavales ata atoparse cunha Rosalía de Castro, que explica a súa relación con Brión e co Val da Maía, para seguir recitando versos dos seus poemas e rematar cun alegato a prol das mulleres, respondendo aos ataques que recibira na súa época e animando ás presentes a facer realidade os seus desexos.