Friday 22 de November de 2024

Os infantís das Escolas Deportivas de Frades, campións provinciais de fútbol sala


Gañaron o Campionato Provincial de Fútbol Sala do programa XOGADE, desputado esta fin de semana en Curtis. É a máxima distinción á que poden aspirar, pois non haberá fase autonómica

O equipo infantil das Escolas Municipais de Fútbol Sala do Concello de Frades gañou o Campionato Provincial de Fútbol Sala Escolar, do programa XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), xogado este sábado 19 de maio no pavillón Pilar Barreiro de Curtis. Un torneo co que remata a exitosa andaina deste equipo (campións comarcais e intercomarcais), xa que hai seis anos que non se xoga unha fase autonómica.

Os xogadores de Frades se impuxeron con claridade na final fronte ao equipo local, o Concello de Curtis, por 4-1 con goles de Anxo Quindimil, Alexis Méndez e dobrete de Alberto Sanjurjo. A semifinal, que os enfrontaría co Camariñas FC, finalmente non se xogou por incomparecencia do conxunto da Costa da Morte.

O seu adestrador, o técnico de Deportes do Concello de Frades, Lino Espiñeira, explica que “só teño que agradecer a estes nenos todo o que fixeron ao longo da temporada, culminado este sábado no Campionato Provincial cun gran encontro tanto defensivamente como en ataque. Un grupo humano de xogadores excepcionais, non teño palabras”. Así mesmo, quixo “darlle as grazas a todos os pais e nais, pois sen eles non sería posible ter gañado este Campionato Provincial, pois estiveron acompañando aos xogadores fin de semana tras fin de semana”.

O equipo infantil das EDM do Concello de Frades está formado por Alejandro Carballo Rodríguez, Pablo Vázquez Bra, Matías Leis Gómez, Alexis Méndez Veiras, David Portos Mosquera, Anxo Quindimil García, Ángel Regueiro Vigo, Hugo Rodríguez Rúa, Daniel Rodríguez Vales, Alberto Sanjurjo Bra, Yeray Méndez Veiras e Antón Quindimil García.