Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia promove o talento xuvenil coa acción formativa a creatividade a través da gráfica


 Desde abril ata xuño estanse a desenvolver talleres de calcografía, xilografía e litografía para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou as actividades que se están a desenvolver na Fundación CIEC no marco da iniciativa A creatividade a través da gráfica impulsada desde o departamento autonómico. A finalidade desta acción formativa é ofrecer á xuventude ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades creativas e ampliación das súas oportunidades, como complemento na súa traxectoria persoal e formativa.

No marco desta iniciativa e de abril a xuño, cada mes desenvólvese un taller: calcografía en abril, xilografía en maio e litografía en xuño. O número de participantes por taller é de seis mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade.

Cecilia Vázquez sinalou que “talento, imaxinación e creatividade son virtudes propias da nosa mocidade, de aí que a nosa obriga como administración sexa a de facilitar os programas, medios e recursos necesarios para aflorar todo o seu potencial”. “Nestes tempos de necesario compromiso cos máis novos, as institucións temos que ser capaces de ofrecer ferramentas que axuden aos nosos mozos e mozas se mergullen na novidade da creación; unha creatividade que a Xunta busca e impulsa, entre outras medidas, a través desta medida formativa”, engadiu a directora xeral. Avanzar neste terreo axuda a que os novos creadores descubran o potencial das súas aptitudes e fortalecen a súa confianza e autoestima, para que se animen a elaborar proxectos e se preparen para ser os emprendedores artísticos do mañá.