Friday 22 de November de 2024

A Xunta comezará a vindeira semana as obras de mellora da drenaxe subterránea da estrada AC-546, en Corneira, na Baña


Esta actuación, cun investimento de máis de 60.000 euros, ten un prazo de execución dun mes aproximadamente

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), comezará a vindeira semana as obras de mellora da drenaxe subterránea na estrada que conecta Negreira coa Pereira (AC-546), en Corneira, no Concello da Baña.

Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones Martínez Montes e Hijos, cun investimento de máis de 60.000 euros, ten un prazo de execución dun mes aproximadamente.

Para facilitar a drenaxe da plataforma da calzada construiranse drenes ata o eixo da calzada e separados cada 5 metros pola marxe esquerda, dende o punto quilométrico 7+225 ata o 7+260.

O proxecto tamén contempla a reposición das beiravías da estrada que previamente foron demolidas, así como a execución dun saneo nun carril da marxe esquerda e a mellora do firme e da sinalización naqueles puntos onde sexa preciso.

O Goberno galego continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras que potencien o desenvolvemento económico e social dos concellos.