Saturday 16 de November de 2024

Acto de clausura do programa Propulsa a túa peme


O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu ao acto de clausura do programa Propulsa a túa peme, posto en marcha por AJE Coruña grazas ao apoio do organismo provincial.

Grazas a este plan, máis de 50 empresas puideron beneficiarse dun servizo de asesoramento, titoría e formación especializada para emprendedores, co que se pretende dar resposta a problemas concretos de xestión que poidan xurdir no día a día dunha empresa.

Durante a xornada desta tarde, celebrada no Muncyt, déronse a coñecer os proxectos que se sumaron ao plan durante os últimos meses.

Diego Calvo, pola súa banda, explicou a todos os presentes o traballo que realiza a Deputación Provincial en favor do emprego e en apoio das pequenas e medianas empresas da provincia. Finalmente, animou os novos empresarios a seguir traballando “con ganas e ilusión” porque, segundo dixo, “nos emprendedores que arriscan todo para poñer en marcha un negocio ou unha empresa está o motor da economía provincial”.