O alumnado dende 3º de Primaria e de Secundaria presentou un total de 66 traballos a este concurso
O CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón acolleu esta mañá a entrega de premios do V Certame de Relatos Xosé Neira Vilas. Este acto incluíuse dentro da celebración da Semana das Letras Galegas neste centro educativo e tamén se aproveitou para entregar os galardóns doutros concursos organizados polo colexio.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu este acto, no que estivo acompañado polo presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis Reimóndez, e polo director do CPI Antonio Orza Couto, Xosé Manuel Silva. Na súa intervención, o rexedor agradeceu o “constante apoio” amosado tanto dende a entidade con sede en Gres como polo colexio do Forte para o desenvolvemento deste certame.
Así mesmo, o rexedor boqueixonés trasladou a todos os asistentes o seu “enorme orgullo ao constatar a capacidade que tendes para imaxinar, estruturas e redactar os fantásticos cos que nos obsequiadas edición tras edición. A vosa xenerosidade e esforzo constitúe o motor que vos fará avanzar arreo por este sendeiro que é a vida”, concluíu.
Pola súa banda, tanto Reimóndez como Silva animaron aos escolares a “ler moito” e a “participar neste tipo de certames”. Nesta edición foron un total de 66 os traballos presentados a concurso. Ao mesmo tempo, agradeceron a alta participación rexistrada, un ano máis, no Certame de Relatos Xosé Neiras Vilas. Para o autor tivo unhas verbas especialmente cariñosas Luis Reimóndez quen lembrou o labor desenvolvido tanto polo escritor coma pola súa muller, Anisia Miranda, a prol da difusión da cultura entre a cativada a través da creación da Fundación que hoxe preside.
Gañadores do Certame
O V Certame de Relatos Xosé Neira Vilas, organizado pola Biblioteca Municipal de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPI Antonio Orza Couto, repartiu un total de 750 euros en premios. O certame dirixiuse ao alumnado dos centros de Boqueixón ou que estean censados no municipio aínda que estudando noutros centros. Establecéronse tres categorías: escolares de 3º e 4º de Educación Primaria; alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, e estudantado de Educación Secundaria.
Os gañadores e gañadoras de cada categoría recibiron un diploma, un vale de 100 € en libros e un libro editado cos relatos gañadores e os segundos e terceiros clasificados recibiron un diploma, un libro editado e un vale de 75 € en libros. Os vencedores foron os seguintes:
• Primeira Categoría (3º e 4º de Educación Primaria)
– 1º Premio: A miña amiga a Lúa, de Fátima Liñares Rodríguez
– 2º Premio: Auga e Lume, de Arianne Ponte Regos
– 3º Premio: A cidade dos libros, de Emma Rojas Amosa
• Segunda Categoría (5º e 6º de Educación Primaria)
– 1º Premio: A eira de Laura, de Candela Suárez Méndez
– 2º Premio: Un día adolescente, de Xosé Raviña Valencia
– 3º Premio: Lugares de Boqueixón, de Andrea Rosende Sánchez
• Terceira Categoría (Educación Secundaria)
– 1º Premio: De corazón, de María Crespo Cutrín
– 2º Premio: Adolescentes, de Valentina Galdino di Yelsi
– 3º Premio: Letras amargas, de Paula Agrelo Ribadeo
Todos os relatos gañadores do V Certame de Relatos Xosé Neiras Vilas están recollidos nunha publicación que foi entregada a todos os vencedores e vencedoras.