O Pico Sacro foi o punto de partida para o percorrido, que rematou na Cidade da Cultura
Preto de 400 persoas, entre maiores e cativada, participaron na Carreira Camiño das Letras. Unha cita que tivo como punto de partida o Pico Sacro, onde se reuniron todos os participantes para gozar dunha xornada de cultura e deporte.
A saída da Carreira Camiño das Letras foi presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. Os participantes na categoría absoluta, preto de 200, tomaron como punto de partida o cumio do Pico Sacro, onde realizaron un simulacro de lectura de libros na honra da autora homenaxeada este ano co gaio do Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno.
A continuación, Ovidio Rodeiro deu o pistoletazo de saída a unha proba que levou aos corredores e corredoras polos tramos da Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Boqueixón para despois continuar cara a Cidade da Cultura. A categoría absoluta implicou un percorrido de 15 quilómetros. Foi precisamente na Cidade da Cultura onde se realizou a entrega de premios aos primeiros participantes de cada categoría. Todos os galardoados recibiron entre outros detalles, diversas publicacións en lingua galega.
A entrega de premios estivo presidida tamén polo alcalde boqueixonés e polo delegado territorial da Xunta de Galicia. Os gañadores na categoría absoluta masculina foron o vedrés Miguel Iglesias Amores, do Club Deportivo Pinarium, cun tempo de 59 minutos e 55 segudos. O segundo posto foi para o dubrés Alexandre Fernández Toxo, do Club Atletismo Tambre Bike & Running, e o terceiro posto para Ricardo Villar Rodríguez, veciño de Santa Comba e corredor do Noitebra, con 1:00:29 e 1:00:58 respectivamente.
No caso da categoría absoluta feminina, a vencedora foi a compostelá Loreto Herrero Blanco, cun tempo de 1 hora, 12 minutos e 1 segundo (posto 55 na xeral). Completaron o podio feminino a arteixá Geli López Vilas, do Running Arteixo, e a amiense Shaila M. Muñiz Pérez, do Chotacabras 21K, cuns tempos de 1:14:04 e 1:15:21, respectivamente.
Coma galardóns especiais, o colexio de Boqueixón recibiu o premio ao centro con meirande número de alumnos e alumnas na Carreira Camiño das Letras. O premio foi entregado Manuel Fernández Munín e Ovidio Rodeiro Tato.
As clasificacións da Carreira Camiño das Letras pódense consultar a través deste enlace: https://carreirasgalegas.blob.core.windows.net/docs/132b8101-e729-e1ec-52f8-39e6805c918a-TotalResLetras.pdf