Ademais, melloraranse varios viais con 85.000 euros do Plan de Mellora de Camiños da Consellería de Medio Rural e intervirase en dúas estradas cuns 115.000 euros dunha axuda da Deputación
A rede viaria do Concello de Frades verase beneficiada nos vindeiros meses con investimentos por importe de 395.012 euros, mediante os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña, o Programa de Mellora de Camiños de titularidade municipal impulsado pola Consellería do Medio Rural e unha subvención nominativa acadada polo Concello na Deputación.
Os proxectos do Plan de Obras e Servizos foron aprobados por unanimidade no pleno municipal deste mediodía. Son tres proxectos que suman un importe total de 194.973 euros e que permitirán acondicionar e reparar pistas, camiños e estradas das doce parroquias que integran o municipio. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “imos destinar todo o plan a obras, sen recorrer á posibilidade que dá a Deputación para asignar ata o 40 % do diñeiro a gasto corrente e amortización de débeda, para atender a situación que presentan moitos camiños”.
En concreto, estes serán os viais nos que se inclúen actuacións no POS 2015, xeralmente consistentes na mellora do firme e na limpeza de cunetas:
– Papucín: camiño dos Piques a Tarrío, camiño desde a piscina ata A Peneda, camiño entre Outeiro e a estrada AC-524 e accesos ao Monte do Zochal.
– Vitre: acceso aos Loureiros e camiño entre Os Corrillos e O Campo.
– Céltigos: accesos ao Vilar e camiño entre Campoduro e Augasantas.
– Añá: camiño entre o lavadoiro de Sanamil e Ponte Brates.
– Ledoira: camiño desde Receá ata Ponte Brates e accesos ás Rivadas.
– Abellá: accesos ao Peñasco, accesos ao depósito de auga en Tras da Vila, camiño desde O Cabezo a Fondevila e camiño desde Marís ata a estrada xeral en Mesos.
– Moar: camiño desde A Pedreira de Arriba ata A Baña e camiño desde Fonte Santaia ata A Agra da Gándara.
– Galegos: camiño de Xeza ata A Chousa e camiño desde O Pazo ata o límite con Barbeiros.
– Mesos: camiño desde Os Canedos ata San Nicolau , accesos a Caboladrón e camiño desde A Panica ata O Carballal.
– Frades: camiño de San Martiño ata o Monte de Lamas.
– Gafoi: camiño dos Currás ata O Sibio.
– Aiazo: Accesos á Devesa e camiño de Fonsá ata a área recreativa dos Pasos.
Programa de Mellora de Camiños municipais
Ademais da aprobación do POS, o alcalde deulle conta ao pleno dos proxectos que se van incluír no Programa de Mellora de Camiños de titularidade municipal impulsado pola Consellería de Medio Rural, no que a Frades lle corresponden 103.000 euros, IVE incluído. Neste caso, as obras desenvolveranse na pista que vai desde A Ponte Carballa ata a estrada AC-424 (Abellá), no camiño desde a N-634 na Ponte Carreira ata Receá (Ledoira), e no camiño entre a estrada provincial 3802 e a intersección da Devesa (Aiazo).
Axuda provincial
Finalmente, Roberto Rey informou tamén da consecución dunha axuda nominativa da Deputación da Coruña ao Concello de Frades para investimentos na rede viaria. Suma case 115.000 euros, que servirán para acometer a mellora da estrada xeral que comunica Céltigos e Vitre, ademais dun tramo en Papucín, e para a estrada que comunica A Garabanxa con Vilarello de Arriba, na parroquia de Santaia de Moar.
Adhesión a un convenio coa DGT
Por outra parte, o pleno aprobou tamén por unanimidade a adhesión do Concello de Frades a un convenio entre a Dirección General de Tráfico (DGT) e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que facilitará que os cidadáns que se empadroen no municipio poidan modificar tamén o domicilio do seu vehículo nas oficinas municipais, sen necesidade de ter que acudir ao ente dependente do Ministerio do Interior.