Saturday 16 de November de 2024

Uns 650 nenos e nenas de Brión homenaxean a María Victoria Moreno na Festa das Letras celebrada na Carballeira de Santa Minia


Mañá xoves, a igrexa de Bastavales acollerá un concerto da banda municipal de Brión (17:30 h) e a visita teatralizada “Rosalía en Bastavales” da man da compañía “Os Quinquilláns” (19:00 h)

Uns 650 nenos e nenas de Brión e máis de medio centenar de adultos participaron esta mañá na Festa das Letras na Carballeira, un evento organizado polo Concello de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e que está incluído no programa da XXVIII Feira do Libro. Unha actividade na que participaron nenos e nenas de infantil e primaria do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles.

Durante case hora e media, un grupo de cativos fixo un repaso pola obra de María Victoria Moreno, lendo algúns fragmentos da súa obra e mesmo interpretando un rap dedicado á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Polo escenario da Carballeira de Santa Minia pasaron tamén os nenos e nenas do Grupo Folclórico das Escolas Municipais de Danza de Brión e do Grupo de Pandereteiras. Como é habitual, a Festa rematou coa interpretación do himno galego, se ben as peticións dun “bis” por parte dos pequenos fixo que a canción que pechou finalmente o acto fose “A rianxeira”.

17 de maio

Para mañá xoves 17 de maio, o Concello de Brión traslada os actos conmemorativos das Letras Galegas á igrexa de Bastavales onde, a partir das 17:30 horas, terá lugar un concerto da banda municipal de música de Brión. Ao seu remate, ás 19:00 horas, terá lugar unha visita teatralizada á contorna de Bastavales da man da compañía “Os Quinquilláns”, de 45 minutos de duración.

As campás de Bastavales marcarán o inicio da visita, co tañir da segunda badalada das 19:00 horas. Nese momento, o antigo campaneiro de Bastavales recibirá aos presentes no exterior da igrexa e os irá guiando pola historia da igrexa de Bastavales e ata atoparse cunha Rosalía de Castro, que comezará explicando a súa relación con Brión e o Val da Maía, para seguir recitando versos dos seus poemas e rematar cun alegato a prol das mulleres, respondendo aos ataques que recibira na súa época e animando ás presentes a facer realidade os seus desexos.

As próximas visitas teatralizadas terán lugar durante as dúas próximas fins de semana (19, 20, 26 e 27 de maio), así como o 15 de xuño. A hora de inicio será ás 19:00 horas, salvo os domingos 20 e 27 de maio que será ás 18:00 horas. Visita gratuíta, previa inscrición na Casa da Cultura de Brión (981 509 908).