Friday 22 de November de 2024

“DESCONECTA, ESTÁ NA TÚA MAN”, campaña de prevención, sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade


Mércores 26 de novembro a partir das 19:00h no Centro Sociocultural do Graxal, terá lugar un acto de portas abertas dirixido a toda a veciñanza do Concello, coa finalidade de conmemorar o 25 de novembro e simbolizar o peche da Campaña de Prevención, Sensibilización e Concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade, que se ven realizando ao longo dos meses de outubro e novembro.

O acto será presentado por Xosé Antonio Touriñán, coñecido humorista e actor, e presidido pola 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Igualdade, Benestar Social, Sanidade e Educación, María Jesús González Roel. Durante o mesmo, avaliaranse as actuacións educativas realizadas, nesta ocasión centradas sobre a relación da mocidade coas novas tecnoloxías, e o papel que estas están a xogar como produtoras e reprodutoras de actitudes e comportamentos violentos entre as novas xeracións.

Toda a veciñanza que se achegue poderá asistir á presentación do vídeo participativo gravado o pasado día 16 de novembro, durante a mañá de Feira, no que veciños e veciñas colaboraron coa campaña deixando constancia das súas opinións sobre a situación actual da problemática da violencia de xénero na nosa sociedade, tanto no devandito vídeo, como na actividade de fotografía participativa na que puideron explicitar o rexeitamento desta forma de violencia. Estas accións, que trasladaron ao espazo público do Concello a discusión sobre unha cuestión moitas veces oculta ou invisible, foron todo un éxito de participación.

Do mesmo xeito, nesta xornada farase entrega dos premios ao alumnado de 2º da ESO polas tres mellores contribucións realizadas nas aulas na elaboración do xogo “DESCONECTA COA VIOLENCIA”, recurso que se espera sexa empregado polos Centros Educativos do Concello como ferramenta educativa na detección das formas máis invisibles e sutís da violencia, os micromachismos, e na desactivación dos mitos do amor romántico.

E para concluír o acto, terá lugar o sorteo dos 10 vales de compra por valor de 50€ c/u para gastar no comercio local. Entre todas as rifas repartidas nas últimas semanas dende os establecementos comerciais participantes e asociados á plataforma TI FAS CAMBRE, daranse a coñecer os 10 números agraciados. Con esta acción da campaña buscouse a implicación do comercio local como axente fundamental para concienciar á sociedade en este tipo de campañas.