Tuesday 26 de November de 2024

As nenas e nenos da escola infantil estrean a celebración das Letras Galegas en San Sadurniño


Arrancou a programación con motivo das Letras Galegas organizada polo Concello e polas entidades do territorio. Foi precisamente unha delas, a ANPA da EIM A Rolada, quen iniciou os actos arredor da nosa lingua e a nosa literatura cun espectáculo dirixido ás crianzas do centro, que descubriron con Pallaso Piruleta e Cia. a maxia do circo, da música e das palabras. Os actos continúan este mércores pola mañá na Casa da Cultura coa sesión “Mulleres que contan, María Victoria Moreno e outras” na que participará o alumnado de Primaria do colexio. O xoves, día propio das Letras e festivo en toda Galicia, o auditorio municipal acollerá ás 18.00h. o evento central na honra dunha escritora aínda descoñecida para a maioría.

Na web da Real Academia Galega descríbese a figura de María Victoria Moreno precisando, en primeiro lugar, que se trata “dunha escritora galega”. A precisión vén a conto de que, en efecto, naceu en Estremadura “circunstancialmente”, pero toda a súa obra literaria está escrita en galego, lingua que descubriría xunto coa nosa cultura cando chegou aquí, con tan só 24 anos, xunto co seu primeiro marido, destinado como mestre da ONCE en Pontevedra.

Dous anos despois, en 1965, aprobou as oposicións como mestra e empeza a impartir clases no Instituto Masculino de Lugo, onde entraría en contacto con Xesús Alonso Montero, auténtico iniciador de María Victoria na lingua e na literatura galegas.

A partir de aí iniciaríase a súa faceta de activista para coa nosa cultura, xa que a verdadeira dimensión de María Victoria Moreno só pode entenderse revisando a súa traxectoria de máis de 40 anos como escritora, profesora de literatura -no instituto feminino de Pontevedra (1967) reservaba tempo para ensinarlles ás mozas obras galegas e mesmo as convidaba a practicar a escrita-, tradutora, editora, libreira ou conferenciante.

“POR ISTO PENSO QUE A SITUACIÓN DO GALEGO NON SE PODE VER CON INDIFERENZA. SE ESTOU COA XENTE QUE AMASA O MEU PAN E MAIS COLLE NO MAR OS PEIXES DA MIÑA MESA, TAMÉN QUERO FALAR CON ELES, FALAR A SÚA FALA”.
(MARÍA VICTORIA MORENO)
Entre a súa obra destaca a creación para o público infantil e xuvenil, con obras como “Mar adiante”, “O Cataventos”, “A festa no faiado”, “Leonardo e os fontaneiros”, “E haberá tirón de orellas?”, “Guedellas de seda e liño” ou “Eu conto, ti cantas…”, de 2005, que foi o último que viu publicado en vida. Ese mesmo ano morrería de cancro, enfermidade que ela abordou en “Diario da luz e da sombra”. Pouco antes do seu pasamento, a súa primeira novela inédita “Onde o aire non era brisa”, escrita aínda en castelán en 1969, resultaría premiada en Salamanca. Catro anos despois a obra publicouse en galego traducida por Xavier Senín, tal e como ela deixara dito antes de morrer.

Como apunta o texto sobre a autora publicado pola RAG, algúns trazos fundamentais da obra de María Victoria son “o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso. Contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras. Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social”.

Programación en San Sadurniño
Con motivo das Letras Galegas, a área de Cultura programou para este mércores na Casa da Cultura -11.30h.- a sesión “Mulleres que contan, María Victoria Moreno e outras”. Un espectáculo escénico e interactivo dirixido á rapazada de 1º, 2º e 3º de Primaria que repasa o papel feminino na literatura galega deténdose na figura da homenaxeada deste ano.

O acto principal das Letras será o propio 17 de maio -Casa da Cultura, 18.30h.- centrado no descubrimento da autora e na música, que soará na Casa da Cultura gracias ao alumnado de Ilia Keilin e o da escola municipal de gaitas, que farán nesa tarde cadanseu pase con pezas clásicas e tradicionais. A xornada finalizará coa proxección da breve peza documental “María Victoria Moreno Márquez – Letras Galegas 2018”, producida pola Asociación Cultural Millo. Os directores do audiovisual asistirán ao acto e manterán un pequeno coloquio con quen queira saber máis sobre a escritora.

Pola súa banda, a asociación veciñal O Castelo de Narahío tamén programou co gallo das Letras Galegas un evento que pon en valor a oralidade e a música tradicional como vehículos de transmisión e difusión da cultura.

En colaboración coa Rapazada do Saíme -o grupo vocal de nenas e nenos nacido nas escolas municipais de música tradicional- a asociación ofrecerá por segundo ano un encontro no que tamén participará o alumnado máis pequeno das escolas do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o da agrupación cultural Airiños dos Carrís, de Cerdido.

O II Encontro infantil de Cantares tradicionais terá lugar no local social da Veiga o sábado a partir das 18.30h.