Friday 22 de November de 2024

Beatriz Mato salienta que garantir a sustentabilidade técnica e económica dos servizos asociados ao ciclo urbano da auga é o principal reto dos próximos anos


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impartiu unha charla baixo o título ‘Pensa en verde. Cara a un ciclo de auga sustentable’, organizada pola Escola Técnica Superior de Camiños, Canais e Portos
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que garantir a sustentabilidade técnica e económica dos servizos que están asociados ao ciclo da auga é o principal reto dos próximos anos para todas as administracións públicas, sobre todo para a local que é a que ten máis responsabilidades na prestación do servizo.

Mato Otero indicou que o modelo de xestión máis eficaz para a prestación do servizo só se acadará dando resposta a tres obxectivos: contar coas suficientes infraestruturas que permitan achegar o servizo a toda a poboación; o mantemento e conservación para garantir a durabilidade máxima das instalacións existentes; e unha explotación eficaz e eficiente, levada a cabo por persoal técnico profesional e suficientemente cualificado.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pronunciou unha conferencia sobre o ciclo de auga sustentable, organizada pola Escola Técnica Superior de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña; onde recordou que o prioritario é conservar o medio hídrico facendo sustentable a actividade humana que puidese deterioralo. “Unha tarefa ardua na que as administracións -a todos os niveis- e sociedade teñen un destacado papel”, matizou.

Nese sentido, destacou o potencial dos investigadores e alumnos das universidades galegas, xa que aportan coñecemento para formar equipos multidisciplinares. Recordou que a Consellería de Medio Ambiente estableceu unha colaboración coa Universidade da Coruña, co grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente, para a redacción dunhas Instrucións Técnicas de Obras Hidráulicas, para mellorar o nivel dos proxectos que xestiona Augas de Galicia. O obxectivo é unificar a metodoloxía de traballo a empregar, estandarizar o contido de proxectos, achegar consideracións construtivas e implantar unha sistemática de control de obra.

Na súa intervención, Mato Otero tamén destacou a situación do rural de Galicia, onde “o principal escollo é que o custo por habitante é moito maior que nas aglomeracións urbanas, debido á dispersión da poboación rural. Nese sentido, téntase recorrer a técnicas de depuración que sexan máis viables tanto desde o punto de vista da súa implantación, como do seu mantemento.

Así, a Xunta traballa nos últimos anos na implantación de técnicas de depuración branda no rural que teñan un custo de implantación alcanzable e un baixo mantemento. “Estas técnicas xa se están a probar con éxito en depuradoras situadas nos concellos de Abegondo, Boqueixón e Cervo”, explicou.

Planificación hidrolóxica
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que hoxe ninguén dubida que a planificación hidrolóxica móstrase como a ferramenta esencial que fai posible as políticas de xestión da auga non sexan froito da improvisación, senón dun meditado consenso. No caso de Galicia, na actualidade contase cun plan hidrolóxico que se prolongará ata o ano 2021 e que implica un investimento de 665 millóns de euros, dos que Augas de Galicia asume un 65% (423 millóns de euros). Grazas a este tipo de proxectos, ademais de elaborar e coordinar ás distintas administracións con competencia en materia de augas; tamén se planifica a xestión dos sistemas fluviais durante os eventos extremos.

No caso da seca, Galicia conta cun plan que establece por primeira vez na demarcación uns indicadores claros e concisos, que permiten obter un diagnóstico preciso da situación hidrolóxica de todas as bacías da demarcación Galicia-Costa en cada momento, o que permite actuar no caso de que diminúan os recursos. Non obstante, o Plan da Seca establece que se deberá revisar o mesmo cada seis anos; polo que este mesmo ano se iniciará a revisión e tramitación do plan actual, co obxectivo aprobalo no vindeiro ano.

Por outra banda, está o Plan de xestión de riscos de inundación (PXRI) para a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que conta cun orzamento de 67,8 millóns de euros, dos cales a Xunta achega un 70% (47M€). Este plan completarase cos plans específicos para as zonas con máis risco potencial significativo de inundación que se refiren aos ríos Ulla e Sar, ao seu paso por Padrón; Umia, no termo de Caldas de Reis; o río Anllóns no termo de Carballo; e o Lagares, ao seu paso por Vigo. A previsión é rematalos a principios do ano 2019 e levarán asociados solucións integrais para os problemas concretos de inundación en ditas áreas, co fin de previr e reparar ás áreas para episodios de asolagamentos, protexer fronte a ditos fenómenos e recuperar as zonas afectadas.