Saturday 16 de November de 2024

Medio cento de persoas participaron o domingo na Andaina das Letras do Concello de Boqueixón


A actividade, desenvolvida en colaboración coa Deputación da Coruña, comprendeu un Safari Literario e Fotográfico pola Ruta dos Pescadores con xogos para toda a familia

Medio cento de persoas participaron o pasado domingo na Andaina das Letras do Concello de Boqueixón. Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Deputación da Coruña, levou aos participantes por un Safari Literario pola Ruta dos Pescadores, con actividades aptas para a toda a familia.

Durante a propia andaina, que comezou na área recreativa de Sucira, fixéronse grupos que deberían realizar o percorrido tomando fotografías que despois deberían compartir a través das redes sociais. Así, este Safari Fotográfico deulles a oportunidade de realizar ata 10 instantáneas de outros tantos puntos do percorrido. Todas elas deberían estar acompañadas por unha verba que as representase. Entre os elementos fotografados atópanse dende un muíño a paneis informativos co nome da Ruta ou elementos naturais ata algunha pedra que os podería acompañar no camiño.

Tras completar a Ruta dos Pescadores os asistentes participaron nunha actividade que consistiu na creación dun conto entre todos. Finalmente, e coma broche a unha xornada chea de aventura, natureza e letras, os distintos grupos inventaron cadansúas poesías cunhas verbas específicas que deberían aparecen todas elas. Estas composicións estarán expostas durante a Semana das Letras na Casa do Concello de Boqueixón.