Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia incrementa a tradicional plantación de flores de temporada con motivo do 850 aniversario


Mariola López Cierto explica que “colocamos xardineiras con flores colgantes nas farolas e imos embelecer distintos puntos emblemáticos para que sexan un atractivo máis para percorrer as nosas rúas”

O Concello de Noia está a acometer as tradicionais actuacións de ornamentación floral previstas para a temporada de primavera e verán. Unha iniciativa que este ano “ten como novidade a colocación de xardineiras con flores colgantes nas farolas e que xa poden verse en distintos puntos da vila coma nos malecóns ou nas rúas de Galicia ou Ferrador”, explica a concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto.

Unhas actuacións que complementan á tradicional plantación de flores de temporada nos xardíns Felipe de Castro e a colocación de xardineiras no casco antigo e en diferentes puntos emblemáticos do municipio como Santa María a Nova, Coliseo Noela, O Tapal… “Queremos por unha banda darlle un maior protagonismo aos edificios e lugares máis senlleiros da nosa vila ao tempo que sumamos un atractivo máis á nosa vila, embelecendo as nosas rúas con flores para que sexan un atractivo máis para percorrer as nosas rúas tanto para a nosa veciñanza como para aquelas persoas que nos visitan e sirvan tamén para fomentar as compras no comercio local”, indica López Cierto.

Neste sentido, a concelleira de Parques e Xardíns xustifica esta actuación en que “tendo en conta que estamos celebrando o 850 aniversario do nacemento da nosa vila, quixemos que a plantación deste ano fose algo especial e diferenciado”. Por iso, dende o Concello de Noia se instalou tamén outra decoración con luces aéreas, con forma de flores, en lugares como a rúa do Curro.