Saturday 16 de November de 2024

Admitidas as 28 solicitudes de praza na EIM A Rolada


A escola infantil municipal de San Sadurniño dispón aínda de 10 vacantes, na súa maioría para a unidade de 0 a 1 ano

O Concello mantivo abertos durante o mes de marzo dous prazos de solicitude de matrícula na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2018-2019. O primeiro, entre o 1 e o 15 de marzo, dirixiuse a familias que xa tivesen crianzas no centro, mentres que o segundo -do 16 ao 31- foi para peticións de novo ingreso. Tras recoller e comprobar toda a documentación, a comisión avaliadora publicou o venres o listado de admisións así como os servizos solicitados por cada familia. En total recibíronse 28 peticións, todas elas aceptadas, repartidas a partes iguais entre reservas de praza a novos ingresos.

O regulamento de funcionamento da escola marca agora un prazo de 10 días hábiles -contados desde o venres- para que se presenten posibles reclamacións ao listado do alumnado admitido. Trátase dun período legal que se debe gardar si ou si, aínda que o máis probable é que ao cabo dese tempo non se presente ningún tipo de alegación.

Unha vez superada a exposición, a comisión de seguimento e control da Escola tería que resolver as reclamacións -se as houbese- e, posteriormente, elevar a definitivo o listado de admisións. A partir de aí notificaráselles as familias a resolución da concesión de praza xunto coa información da cota que deberá satisfacer dependendo dos servizos solicitados. Desde a recepción da notificación terán outro período de 15 días naturais para facer efectiva a confirmación da praza e formalizar a matrícula no Concello.

Para o curso 2018-2019 recibíronse 28 solicitudes, das que 14 son de reserva de praza -nenas e nenos que xa están este ano na EIM- e outras 14 de novo ingreso: 1 na unidade de 0 a 1 ano, 11 na unidade de 1 a 2 anos e 16 na de 2 a 3 anos.

A escola volve confirmar a súa condición de centro de referenza na zona xa que, en principio, acollerá 13 criaturas de San Sadurniño, 7 de Narón, 5 de Moeche, 1 de Neda, 1 de Cerdido e 1 de Valdoviño. Porén, esta distribución e o número total poden sufrir variacións, dado que hai familias que solicitan praza en varios centros ao mesmo tempo e logo, no período de confirmación, elixen o que se acomode máis ás súas necesidades.

En calquera caso, a día de hoxe a escola infantil de San Sadurniño aínda tería capacidade para outras 10 nenas e nenos máis. O centro ofrece un máximo de 38 prazas e, á espera de que se confirmen as solicitudes presentadas, quedarían dispoñibles como mínimo 7 prazas na unidade das crianzas máis pequeniñas (0-1 ano), 2 prazas na de 1 a 2 anos e unha única praza para a de 2 a 3 anos. As vacantes poderán solicitarse en calquera momento despois do período inicial de matrícula.