Friday 22 de November de 2024

A Xunta trae este martes a San Sadurniño o proceso participativo sobre a Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia


A Comisión Europea adoptou no ano 2013 unha estratexia destinada a fomentar a infraestrutura verde nas distintas políticas: agrícola, forestal, ambiental, auga, pesca, medio mariño, desenvolvemento rexional, o freo e adaptación ao cambio climático, transporte, enerxía, prevención de catástrofes e ordenación do territorio. Pero…¿que é iso da “infraestrutura verde”?. Basicamente é un concepto de ordenación do territorio que busca manter os ecosistemas, conectalos entre eles e recuperar hábitats danados co obxectivo de que nos poidan proporcionar máis e mellores bens e servizos, xa sexan ambientais ou sociais. A Xunta de Galicia -en colaboración coas universidades da Coruña e Santiago- encabeza a aplicación da estratexia no país, e para iso abriu un proceso participativo que está levando a todas as comarcas a explicación de en que consiste unha infraestrutura verde, así como a recollida de propostas sobre como levala a cabo. No caso da área norte da provincia da Coruña, o encontro celebrarase o martes 15 a partir das 18.00h. na Casa da Cultura de San Sadurniño. As persoas e entidades interesadas en asistir deben enviar un correo a infraestructuraverde.iet@xunta.gal ou chamar ao 608 201 251. Tamén é posible facer a inscrición a través deste formulario.

Galicia conta con 1.400.000 hectáreas de superficie arborada (48% do territorio), 50.000 km de ríos, 1.498 km de costa, 72 tipos de hábitats de interese comunitario que, ademais, dobran a media estatal -17,4 hábitats/100 km² fronte a 8,2-, ao que hai que engadir certas características, como a existencia dunha actividade agrícola tradicional ou unha estreita relación entre as zonas urbanas e rurais. Características territoriais que, segundo a Xunta, fan aínda máis necesaria a conservación, potenciación e aproveitamento de todos estes valores, polos seus beneficios ambientais e sociais, pero tamén pola súa capacidade para xerar emprego.

A finalidade da estratexia que se quere levar a cabo auspiciada pola Unión Europea é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados con visión de futuro “para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos”. Trátase en definitiva de desenvolver “unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación -biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.-, servizos de abastecemento -produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.- e servizos culturais, de lecer, benestar, saúde, paisaxe, etc.”.

Estas redes de espazos verdes planificados poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.

Para falar de todas estas cuestións e ir desenvolvendo a estratexia da infraestrutura verde para o territorio, a Consellería de Medio Ambiente e as universidades de Santiago e A Coruña están organizando encontros comarcais abertos, por unha banda, ás administracións locais e o seu persoal técnico e, por outra, á veciñanza e as entidades, que tamén poden achegar ideas e propostas sobre a materialización deste ambicioso proxecto.

A diferenza doutros procesos, onde primeiro se redactan os programas e logo se lle pregunta á xente que lle parecen, neste caso hai 5 equipos multidisciplinares das dúas universidades que están traballando xa nas liñas mestras da estratexia e incorporándolles as ideas e apreciacións que van xurdindo nos encontros participativos, de maneira que a estratexia, máis que deseñarse, estase construíndo en tempo real coas achegas da sociedade. O documento completo, que virá ser unha guía de boas prácticas de cara ao futuro, deberá estar rematado a finais deste mesmo ano.

A xuntanza informativa para o ámbito dos municipios do norte da Coruña -Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, As Somozas, Valdoviño, Vilarmaior e San Sadurniño- terá lugar o martes 15 de maio a partir das 18.00h. na Casa da Cultura. Será un encontro dinámico, pensado para que o público asistente de todos estes municipios teña un papel activo, participando en enquisas virtuais e expresando de viva voz o seu parecer sobre como combinar a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento socioeconómico.

Para participar no evento, e por razóns loxísticas, fai falla inscribirse previamente no correo infraestructuraverde.iet@xunta.gal, no teléfono 608 201 251 ou a través deste formulario. Porén, para ser parte da consulta pública sobre a Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia tamén se pode acudir ao aplicativo en liña que figura na súa web, onde mesmo é posible marcar no mapa espazos de interese ambiental e aqueloutros que teñen un impacto negativo nos ecosistemas.