O tempo acompañou nunha proba na que participaron 402 atletas, 171 na proba absoluta e 231 nas probas escolares
Os atletas Nuno Costa (Tambre Bike & Running) e Paula Mayobre González (Club Atletismo Clínica Dental Seoane Pampín) foron os gañadores da quinta edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, que congregou na tarde do sábado a 402 atletas e a varios centos de veciños e afeccionados ao atletismo en Ponte Carreira (Frades). Se o ano pasado as condicións climatolóxicas mermaron tanto a participación como a asistencia, nesta ocasión o tempo respectou e quedou unha xornada perfecta para a práctica do atletismo, o que fixo duplicar as cifras con respecto a 2017.
O portugués Nuno Costa foi o gran dominador da proba cun tempo de 26 minutos e 12 segundos en percorrer os 8,6 km da carreira, rebaixando en máis de medio minuto o tempo do anterior campión e sacándolle case un minuto e medio ao segundo clasificado. Costa salientou a beleza da proba, que coñecía da edición de 2016 na que foi segundo, recoñeceu que se atopa nun gran momento de forma no que gaña practicamente todas as carreiras nas que participa. Incluso admitiu que no último quilómetro afroxou a marcha, sabedor da súa victoria.
O segundo posto foi para Anxo Castro Varela, do Miler Running Club, cun tempo de 27 mintuso e 34 segundos. Completou o pódio un vello coñecido desta proba o marroquí Akka Essaadoui, que repetiu o terceiro posto que conseguira nas tres primeiras edicións desta proba, cun tempo de 27 minutos e 53 segundos. Tamén recibiron premio en metálico Pablo Bocelo Bellas (Club Atletismo Narón) e Amador Pena Torreira (Club Atletismo O Pino).
Categoría feminina
Na categoría feminina Paula Mayobre González volveu amosar o seu domino nesta proba, na que suma 4 vitorias en 5 anos e un segundo posto na edición de 2016. A atleta de Ares mellorou tanto o tempo como o posto na proba absoluta da edición pasada, conseguindo un meritorio noveno posto cun tempo de 29 minutos e 52 segundos, cincuenta segundos menos que hai un ano. Ademais, este ano Paula Mayobre levou unha alegría dobre pois Martina Mayobre García foi a gañadora na categoría Pitufo-biberón Sub 6.
O segundo posto foi para unha debutante na proba Esther Rodríguez Díez (Añares Rioja) cun tempo de 31 minutos e 26 segundos (19ª na xeral) e o terceiro para María Jesús Gestido Rodríguez (independente) con 31 minutos e 52 segundos. Completaron as cinco premiadas Rocío Alvite Ferreiro (Atletismo Sar-Vermú Petroni), segunda na pasada edición; e Karina Callón Treus (Club Atletismo Sada).
Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O Club Atletismo Sar-Vermú Petroni conseguiu o triunfo por equipos nas categorías masculina e feminina, repetindo por segundo ano consecutivo nesta última e ascendendo un posto na de homes. Completaron o podio feminino o Atletismo O Pino e o Club Atletismo Millaraio; e o masculino co Club Atletismo Milladoiro (gañador das dúas últimas edicións) e o Noitebra. Por segundo ano consecutivo, as Escolas Deportivas Municipais de Frades levaron o premio ao club máis numeroso.
Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos; Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; Infraestruturas, Ramón Garabato; e Medio Rural, Manuel Ferreiro. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes e do Tambre Bike, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Galega 100%, Pepsico, Feiraco, Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Camba SL, Froitería A Nova, Bar Vilariño, Centro de Fisioterapia e Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercados Claudio (María Vázquez Pardo), Correrengalicia e Carreirasgalegas.
Roberto Rey e Jesús Miguel Prado fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Ademais, todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba, así como chocolate quente. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.