Terá lugar ás 11:30 horas no local social de Mercurín e contará coa intervención de José Antonio Diéguez
A Agrupación Socialista de Ordes organiza unha reunión informativa coa veciñanza para analizar polo miúdo o proxecto de parque eólico do Inxerio, que a empresa Green Capital Power quere poñer en marcha. Unha charla aberta a todos os veciños e veciñas que estean interesados e que terá lugar este domingo 13 de maio, ás 11:30 horas, no local social de Mercurín.
Unha charla na que participará José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso e que xa participou nunha iniciativa semellante o mes pasado co gallo do parque eólico de Ardemil. Será presentado polo voceiro do grupo municipal socialista, Alejandro Manteiga, e polo secretario de Medio Rural do PSOE de Ordes, Julio Sánchez Raña.
Ao igual que o acontecido en Ardemil, o obxectivo desta charla é “ter aos nosos veciños e veciñas ben informados sobre o proxecto porque coa nova lei que aprobou a Xunta se tramitaría como proxecto de especial interese e iso reduciría os prazos legais á metade, polo que haberá menos tempo para comprobar a documentación e ver que todo está correcto e as garantías xurídicas serán menores”, explica Alejandro Manteiga.
José Antonio Diéguez explicará aos asistentes á charla onde se instalarían os muíños de acordo co proxecto, así como as formas que ten de actuar a sociedade Green Capital Power e os distintos contratos que se lles poden esixir aos propietarios das fincas no caso de que finalmente o proxecto saia adiante. Así mesmo, responderá ás dúbidas que presenten os participantes na charla.