Participaron 35 artesáns e realizouse por primeira vez unha malla tradicional
Varios centos de persoas encheron esta mañá o patio do CPI Cernadas de Castro de Lousame para participaren no III Mercado Tradicional, organizado polo centro educativo. A directora do colexio, Pilar Cobas Cajuso, explica que “este mercado naceu para achegarlles os oficios artesanais aos nosos rapaces e rapazas e que viran a nosa tradición e riqueza cultural. E rematou converténdose no mellor acto de convivencia para toda a comunidade educativa”. Neste sentido, Cobas Cajuso indicou que “este mercado é un punto de encontro de tres xeracións: nenos, pais e avós”.
A directora do colexio acompañou ás concelleiras de Ensino, Silvia Agrafojo, e Xuventude, María Regenjo, durante a súa visita ao III Mercado Tradicional do CPI Cernadas de Castro. Un percorrido durante o que puideron ver o traballo de ata 35 artesáns, a gran maioría do municipio pero tamén doutros concellos da comarca. Baixo o patio lousamiá reuníronse representantes de oficios coma: carpinteiro, filloeira, ferreiro, rosquilleira, cesteiro, canteiro, tecelá, palilleiras, costureira, escultor, muiñeiro, ceramista, labores, tapiceiro, ourive, obradoiros de gaita… Así como stands referentes ás minas de San Finx, da asociación A Creba, do Museo do Mar de Noia e “unhas fiandeiras que viñeron de Ferrol e participaron por primeira vez”, explica Cobas.
Malla
Se o ano pasado debutaron os maios, que volveron representarse esta mañá, a novidade deste ano foi a representación dunha malla tradicional. Paralelamente, alumnado e profesores interpretaron e bailaron distintas coplas. Un labor no que contaron tamén co apoio do grupo “O Son do Pote” (Tállara). Ademais, os nenos e nenas, ataviados con traxes tradicionais, encargáronse de agasallar aos presentes con distintos petiscos: queixo con marmelo, rosquillas, boliños, chocolate quente… que repartían tanto dende os seus stands como por todo o patio cunhas grandes bandexas circulares.
Pilar Cobas Cajuso agradeceu a colaboración do Concello de Lousame, do profesorado do centro e das familias do municipio na organización dunha actividade “que comezamos a preparar con tres meses de antelación e que se ten convertido no mellor exemplo de convivencia da comunidade educativa de Lousame”.