O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o parque empresarial de Culleredo da man da Asociación de Empresarios deste concello
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Culleredo, convidado pola Asociación de Empresarios desde Concello. Se trata dunha das 22 áreas empresariais da provincia que se incorporaron o ano pasado á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga ultrarrápida da Xunta e o operador R, e que contempla, para 2018, a súa implantación en outros catro parque empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez; e As Somozas.
Rodeiro lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano. As empresas dos polígonos beneficiadas desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, a operadora R pon á disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir.
Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
O Plan xa completou o despregamento en 51 polígonos e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso. A Amtega aporta unha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).