Saturday 16 de November de 2024

A Aula CeMIT ofrece dúas videoconferencias sobre trámites forestais e aplicacións móbiles para o sector primario


A Aula CeMIT de San Sadurniño acollerá o luns e mailo martes dúas charlas por videoconferencia que abordarán, por un lado, a utilización de dispositivos móbiles na xestión agrogandeira e, por outro, a tramitación electrónica de solicitudes relacionadas co sector forestal. A primeira transmisión, ofrecida pola Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, desenvolverase o luns ás 16.00h. A segunda, a cargo da Consellería do Medio Rural, poderase seguir o martes entre as 10 e as 12.00h. tamén no espazo CeMIT de San Sadurniño, situado no primeiro andar da Casa da Cultura. Para obter máis información sobre os contidos pode contactarse coa técnica da aula no 616 016 796 ou enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es.

A charla en liña das escolas familiares agrarias presentaranse varias aplicacións móbiles de utilidade para o sector agrogandeiro, integradas dentro do proxecto Ainfogra. Trátase dun software de xestión gratuíto e de acceso libre orientado a traballadores e traballadoras de explotacións. O módulo AinfoVAC está pensado para granxas de vacún e conta con aplicativos que permiten facer un seguemento da información económica, da produción e dos cultivos. Na mesma liña, o aplicativo AinfoHOR, deseñouse coa finalidade de xestionar a produción hortícola, manexando desde o móbil ou a táblet aspectos como as compras, os cultivos, ou a facturación, sendo ademais integrable con AinfoVAC.

As dúas aplicacións están dispoñibles para dispositivos que funcionen con sistema Android e delas falará Xosé Manuel Campos, un dos responsables do proxecto. O experto falará das distintas solucións dispoñibles así como das vantaxes de empregar as ferramentas informáticas para a xestión, o control e a comunicación das actividades vinculadas ao sector agrogandeiro introducindo as novas tecnoloxías e o software libre nas empresas deste sector.

Tramitación de solicitudes de aproveitamentos forestais
Ao día seguinte, o martes 15 ás 10.00h., o tema da videoconferencia da Aula CeMIT será a tramitación en liña de solicitudes de corta para aproveitamentos madeireiros ou de leña, tralo cambio que fixo a Xunta no modelo de formulario electrónico, ademais de obrigar a que as empresas e entidades -comunidades de montes, asociacións, etc.- utilicen a vía telemática para pedir esas e outras autorizacións relacionadas co monte.

Cómpre ter en conta que todas as administracións están tendendo a unha dixitalización total das relacións coa veciñanza, de maneira que tarde ou cedo acabaremos tendo que facer todos os papeleos por internet. Neste sentido, e aínda que a obrigatoriedade de tramitar en liña as solicitudes de corta é só para persoas xurídicas, non está de máis que as persoas particulares coñezan o procedemento xa que lles resultará certamente máis cómodo.

Un representante de Medio Rural explicará desde Santiago e para todos os centros CeMIT de Galicia como se fan estas xestións a través da Sede electrónica da Xunta, nomeadamente a identificación de procedementos de autorización, de declaración responsable e de comunicación final; a aplicación de formularios CORWEB da Xunta e a presentación na Sede con distintos tipos de sinatura electrónica. Ao remate da exposición haberá unha quenda de preguntas.

Desde a Aula CeMIT destácase o interese desta charla por videoconferencia para empresas e particulares que, neste último caso, poderán facer desde a casa trámites como a declaración responsable e levar a cabo os aproveitamentos forestais desde o mesmo momento da súa presentación.

A Aula CeMIT de San Sadurniño está situada no primeiro andar da Casa da Cultura. Pódese contactar con ela no teléfono 616 016 796 ou enviarlle un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es. Ademais, se calquera persoa ten interese en iniciarse na tramitación electrónica tanto para estes casos como para calquera outro -xestións co Concello, con Facenda, coa Xunta, Tráfico, etc.- pode pedir axuda na propia aula ou solicitarlle información sobre os próximos cursos que ofrece.