Friday 22 de November de 2024

A Unidade de Música da Academia Básica do Aire ofrece venres un concerto extraordinario no Liceo con motivo do 850 aniversario da fundación de Noia


Unhas 120 persoas participarán o sábado na xura de bandeira de persoal civil organizada polo Escuadrón de Vixilancia Aérea nº 10

A Unidade de Música da Academia Básica do Aire ofrecerá mañá venres 11 de maio un concerto extraordinario con motivo do 850 aniversario da fundación da vila de Noia. Unha actuación que terá lugar ás 21:00 horas no Liceo de Noia e que é de entrada libre e de balde ata encher aforo para calquera veciño ou veciña do municipio.

O programa inclúe a interpretación de oito pezas de distintos estilos musicais (marchas militares, rapsodias, boleiros, muiñeiras…) a cargo dos 34 integrantes desta unidade, dirixida polo capitán Julio César Ruíz Salamanca. A actuación comezará coa marcha militar “Paso honroso”, do propio director Julio C. Ruíz; para continuar coa “Rapsodia Gallega nº 1” de Enrique García Rey e o “Bolero militar” de J. Devogel. Acto seguido, a Unidade de Música da Academia Básica do Aire interpretará “Tango para un torero” (H. Snijders), a suite “Ivanhoe” (Bert Appermont), a obertura “Slava!” (Leonard Bernstei) e rematará coa muiñeira “Campo de Noia” (Manuel Molinos) e “The olympic spirit” (John Williams).

Durante o acto, o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, entregará un agasallo institucional ao Escuadrón de Vixilancia Aérea Nº 10 (EVA-10), en recoñecemento polos lazos que unen a esta unidade coa vila. O concerto estará precedido dun pasacalles da Unidade de Música da Academia Básica do Aire no que tamén participará a Banda de Música de Lousame.

Xura de bandeira

O sábado 12 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar na Alameda de Noia a xura de bandeira de persoal civil organizada polo EVA-10 no que, a día de hoxe, hai inscritos preto de 120 xurandos (á espera de pechar inscricións mañá venres). Un acto no que cada xurando (maior de 18 anos e con nacionalidade española) poderá estar acompañado por dous convidados.

O xuramento formularase mediante dúas accións: a primeira será contestar á fórmula do xuramento cun “Si, o facemos” e despois pasar de a un bicando a bandeira, xesto simbólico que supón selar o compromiso con España. Recoméndase non levar carmín nos beixos e dispor de calzado axeitado pola superficie do desfile.

A xura de bandeira, acto ao que está previsto que asistan numerosas personalidades tanto civís como militares, estará presidido polo xeneral xefe do Sistema de Mando e Control do Exército do Aire, Rafael García Hernández. Nel participarán unha unidade militar composta por unha escuadra de Gastadores e a Unidade de Música da Academia Básica do Aire, que rematarán o acto desfilando pola rúa Rosalía de Castro. En caso de choiva, toda a actividade trasladaríase ao polideportivo municipal Agustín Mourís.

Alteracións no tráfico

A celebración destes actos suporá unha serie de modificacións no tráfico e no estacionamento na vila de Noia dende as 23:00 horas de hoxe xoves e ata o remate da xura de bandeira civil, o sábado 12, acordadas nun encontro mantido entre responsables do Concello de Noia, da Policía Local e do Escuadrón de Vixilancia Aérea Nº 10. A zona máis afectada será a rúa Rosalía de Castro (fronte á Alameda) onde dende as 23:00 horas de hoxe xoves queda prohibido o estacionamento. Ademais, o venres 11 de maio esta rúa estará pechada ao tráfico de 11:30 a 13:30 horas e dende as 16:00 ata as 18:00 horas, polo que a circulación será desviada pola rúa Besteiros. O sábado 12 de maio, a rúa Rosalía de Castro estará cortada a partir das 10:00 horas.

Así mesmo, dende as 23:00 horas do venres 11 de maio queda prohibido o estacionamento nas rúas: Calvario (entre a rúa Rosalía de Castro e a intersección cá rúa Xosé Suárez), Xosé Suárez, Egas Moniz, travesía entre a Avenida da Coruña e a rúa Egas Moniz, avenida da Coruña (entre a rúa Rosalía de Castro ata a intersección coa rúa Frai Lois Rodríguez), rúa Pedra Sartaña (dende a rúa Rosalía de Castro ata a intersección coa rúa Irmáns Labarta), primeira planta do parking Xuiz Falcone, rúa Pintor Xenaro Carrero (na parte dereita no tramo dende a intersección da rúa Francisco Creo ata a intersección coa rúa Francisco Romero Blanco) e na rúa Ramón Álvarez da Braña (na marxe dereita dende a rúa Carcasía cara a rúa Anxo Senra).

O sábado 12 de maio quedará cortado o tráfico nas seguintes rúas a partir das 10.00 horas:

– Rúa Carcasía: estará cortada á altura da intersección cá rúa Francisco Romero Blanco.
– Rúa Pedra Sartaña: cortada na intersección coa rúa Irmáns Labarta.
– Rúa Calzada: cortada á altura da intersección con Xosé Suárez.
– Os vehículos que circulen pola rúa Galicia baixarán pola rúa Ferrador, collendo nesa intersección a dirección que desexe cada condutor.
– Rúa Carreiriña Escultor Ferreiro, aberta ao tráfico pero ao chegar a rúa Porta da Vila haberá unha dirección obrigatoria cara San Bernardo.
– Na Rúa Ferrador invértese o sentido da circulación: non se poderá subir pero si baixar todos aqueles vehículos que circulen pola rúa Galicia.
– A rúa Pintor Xenaro Carrero terá dobre sentido de circulación mentres dure o evento.