Friday 22 de November de 2024

Gala lírica, obradoiros infantís, maxia, música e teatro conforman o programa especial das Letras Galegas no Concello de Lousame


A programación ábrese este sábado coa XVI Festa do Galego, que inclúe obradoiros culturais e a actuación do ilusionista Martín Camiña co espectáculo “Lingua do País”

O Concello de Lousame vén de presentar o “Maio Cultural”, unha programación especial co gallo da celebración das Letras Galegas 2018, dedicadas este ano á figura da escritora María Victoria Moreno. Unha programación que inclúe cinco actividades totalmente gratuítas e abertas a toda á participación de toda a veciñanza lousamiá pois “aínda que en Lousame celebramos a nosa cultura durante todo o ano, nestes días especiais é importante ter máis actividades para facer máis visibles as nosas letras”, explicou esta mañá a alcaldesa, Teresa Villaverde.

O programa abrirase este sábado 12 de maio coa XVI Festa do Galego, dirixida como cada ano a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, e que terá lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” (en caso de choiva, as actividades trasladaríanse ao polideportivo municipal da Silva). Ás 10:30 horas terán lugar inchables e obradoiros culturais, que xirarán en torno á figura de María Victoria Moreno.

Ás 12:00 horas, o ilusionista Martín Camiña presentará o seu espectáculo lúdico e pedagóxico “Lingua do país”. Trátase dunha actuación en que maxia e lingua se mestura, cun mago pedíndolle explicacións a Google polo uso de topónimos deturpados mentres enfeitiza ao público con ilusións de cartas e cordas, así como con efectos de mentalismo.

“O soño dos contos”

Para o domingo 13 de maio está programada unha actuación teatral: “O soño dos contos”,a cargo de Xoré Teatro. Terá lugar ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Lousame e está dirixida a nenos e nenas de 3 anos en adiante. “O soño dos contos” é unha actividade de animación á lectura que, a través da expresión oral, potencia valores tan importantes como a amizade, a xenerosidade, a responsabilidade, o respecto, o esforzo e a constancia.

A historia trata dunha nena, Xoana, á que non lle gustaba moito ler. Seu pai e súa nai poñen todo o empeño para que vaia collendo gusto aos libros e incremente o interese pola lectura. Unha tarde chegou ao pobo unha fada dos contos, Anduriña, que se adica a percorrer todo o mundo co gallo de fomentar a lectura e a educación en valores. Esa tarde Xoana, por vontade de seu pai e súa nai, tivo que asistir á actividade. Ao principio foi con poucas ganas, pero grazas á fada comezará a espertar o seu interese polos contos.
Homenaxe a Zernadas

O Día das Letras Galegas, xoves 17 de maio ás 12:00 horas, terá lugar un dos pratos fortes da programación deste ano: a homenaxe a Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como O Cura de Fruíme, no atrio da Igrexa de Fruíme. Un acto que este ano contará coa introdución de Carlos García Cortés, profesor emérito do Instituto Teolóxico Compostelano e autor do libro “O cura de Fruíme: Diego Antonio Cernadas e Castro (1702-1777)”.

Teresa Villaverde explica que “Carlos García Cortés fará unha amena intervención sobre a figura de Zernadas de Castro, unha importante figura que queremos reivindicar pola gran importancia que tivo para a nosa cultura e o noso idioma”. Neste sentido, Villaverde agarda que “moitos veciños e veciñas de Lousame se animen a participar neste acto de homenaxe a unha das figuras máis importantes das nosas letras”.

Antes da tradicional ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro, terá lugar unha actuación musical a cargo de tres grupos folclóricos do municipio: Canlebó de Camboño, O son do pote (Tállara) e Zernadas de Castro (Fruíme).

Concerto lírico

Un día despois, o venres 18 de maio, terá lugar a outra gran actuación do “Maio Cultural”: unha gala lírica a cargo do Dúo Mara, composto pola soprano Esperanza Mara e a pianista Paula Gago Otero. Unha actuación que terá lugar ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Lousame. “O pasado 8 de marzo tivemos a honra de escoitar aló a Esperanza Mara, veciña de Noia pero con familia en Fruíme, e foi unha actuación que nos estremeceu a todos, polo que recomendo a toda a veciñanza que non se perdan esta actuación”, explicou Teresa Villaverde.

Finalmente, o “Maio Cultural” de Lousame completarase cunha exposición itinerante sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, sobre a que tamén haberá unha mostra de libros na biblioteca municipal. “A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura durante a semana das Letras Galegas”, explicou a alcaldesa, “e despois levarémola polos distintos locais sociais para achegala a aqueles veciños e veciñas que non se poden desprazar ata Portobravo”.