Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste 75.000 euros na estrada AC-429 ao seu paso polo concello de Laxe, que asumirá a titularidade e xestión desta vía


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, tivo a oportunidade de comprobar o avanzado estado das obras que están a piques de rematar nos vindeiros días
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o concello de Laxe para supervisar as obras de conservación da estrada AC-429 ao seu paso polo Concello de Laxe que rematarán nos vindeiros días. O investimento, executado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ascende a 75.000 euros e ten como obxecto o pintado de 8 pasos de peóns, tres deles se configurarán como elevados. Ademais están instalándose sinais luminosas de advertencia da situación dos mesmos. A actuación tamén inclúe o rebaixe das beirarrúas para mellorar a accesibilidade, o repintado de toda a travesía e o fresado e reposición dos tramos onde o firme se atopa deteriorado.

Ovidio Rodeiro lembrou que cando rematen as obras procederase á formalización da transferencia de titularidade desta travesía, que se está tramitando. “A partir dese momento, apuntou o delegado territorial, será o concello a administración responsable da vía e corresponderalle a regulación da instalación das terrazas”

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.