Saturday 16 de November de 2024

A Xunta incide na importancia de sumar esforzos de todas as institucións para rematar coa lacra da violencia de xénero


Susana López Abella participou no Acto Conmemorativo do Dia Internacional para a eliminación da Violencia contra as mulleres

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, incidiu na importancia de sumar esforzos entre todas as institucións para rematar coa lacra da violencia de xénero.

López Abella participou hoxe no Acto Conmemorativo do Dia Internacional para a eliminación da Violencia contra as mulleres, que tivo lugar Facultade de Xeografía e Historia, onde destacou a necesidade de implicar á sociedade no seu conxunto, para “poder gañar esta loita entre todos, en igualdade, homes e mulleres, mulleres e homes”.

Na súa intervención, a titular de Igualdade incidiu no importante papel que desenvolve a Universidade para a erradicación da violencia de xénero e incidiu no importante papel que ten a educación na poboación xuvenil e adolescente.

“Estamos convencidos que a escola, o instituto e, a universidade son os ámbitos de socialización que máis inflúen na aprendizaxe das persoas, e polo tanto é nestes ámbitos onde se debe traballar a prevención de actitudes sexistas e discriminatorias, así como fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade”, asegurou.

Erradicar a violencia de xénero é unha longa e complexa tarefa na que non podemos permitirnos retroceder, segundo Susana López Abella, e para seguir avanzando é necesario manter as medidas que fixeron posibles os avances, detectar e remover os obstáculos así como reforzar e xeralizar as mellores prácticas.

O recoñecemento do papel crucial que a Universidade pode e debe desempeñar nesta complexa tarefa é hoxe xeneralizado na nosa sociedade, que adoita destacar a necesidade do cambio xeracional dende a educación e a formación especializada como dous ferramentas fundamentais para conseguilo.

A Universidade, debe, polo tanto, asumir o seu papel máis difícil, de vangarda na construción dun mundo mellor, para chegar a ser “o que queremos ser” tan lonxe ás veces do que somos, substituíndo o dominio e a submisión polo respecto mutuo, como expresión cotiá do respecto aos dereitos humanos cos que a nosa sociedade se identifica como modelo xeral de convivencia.