Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño concentra o calendario de mercados e feiras entre marzo e outubro


Aberto xa o prazo de solicitude para participar no mercado do 27 de maio

A pasada edición da Feira da Plantación marcou o inicio en San Sadurniño dun novo calendario de feiras e mercados municipais. Un calendario que se concentrará nos oito meses en que hai certas garantías de bo tempo. Así, aos dous eventos principais de abril e agosto -a Feira da Plantación e a Feira Rural, respectivamente- súmanselle os mercados municipais que, a partir de agora, quedan fixados nos últimos domingos dos meses de marzo, maio, xuño, xullo, setembro e outubro. Deste xeito o Concello prescinde das citas invernais e establece unha periodicidade mensual durante a primavera e o verán coa que se tenta darlle novo pulo á cita, que non variará o seu contido. Neste sentido, desde a área de Desenvolvemento local acaban de abrir o prazo de solicitude de espazos para o próximo mercado, que vén sendo o do domingo 27 de maio. Data na que, ademais, coincide coa Carreira Popular Concello de San Sadurniño e coa Feira da artesanía e de degustación de carrilleiras de Lamas.

A dinámica do mercado local mantense coma sempre. Nel terán cabida a produción en fresco e transformada de toda a comarca, as plantas e viveiros, a artesanía e os artigos de segunda man. Este último sector é, se cadra, un dos que goza de maior aceptación entre o público pola cantidade de oportunidades a bo prezo que se poden atopar entre a súa variada oferta. Libros, discos, obxectos decorativos vintage, xoguetes e centos de artigos saídos de faiados e coleccións “producen un certo efecto reclamo que beneficia a todo o mercado”, tal e como explica Manolo Varela.

Esa foi tamén unha das conclusións do estudo elaborado para relanzar a cita, onde se sinala que a boa marcha da artesanía e a segunda man son factores que deben ser aproveitados para tirar dos outros sectores con presenza no mercado. Froito do estudo e da experiencia acumulada nos últimos anos tamén é o establecemento dun calendario mensual “concentrado nos meses en que, previsiblemente, imos ter mellor tempo”, precisa Varela. Desta maneira, os mercados celebraranse nos xardíns municipais os últimos domingos de marzo, maio, xuño, xullo, setembro e outubro, alternados no último domingo de abril coa Feira da Plantación e coa Feira Rural, que ten lugar no arboreto da Cortiña o derradeiro sábado de agosto.

Con este novo calendario estable, o Concello pretende normalizar a celebración dos mercados “para que a xente e os expositores saiban xa de antemán os días fixos, sen necesidade de ter que recordalo constantemente, aínda que desde o Concello continuaremos dándolle publicidade como fixemos ata agora”.

O próximo mercado será, polo tanto, o domingo 27 de maio. Os postos que queiran participar teñen xa á súa disposición a folla de inscrición, que deberá presentarse no Concello antes das 14.00h. do día 23. Os xeitos de facelo son a través do rexistro municipal -ou da Sede Electrónica- por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviando un correo electrónico a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Documentación descargable: