Profesorado e alumnado solicitan a colaboración veciñal das persoas residentes na zona de Outes para a localización da cápsula espacial lanzada onte. O alcalde de Ordes tamén pediu axuda aos rexedores desta área
Os participantes no proxecto ‘Niño no faro’, que supuxo o lanzamento da cápsula Marumasat III, continúan coa súa busca. Tras o seu despegue ás 12 horas perdeuse todo o contacto aos 13 quilómetros baixo a hipótese de que se precipitou en Outes. “O GPS interno emitiu un sinal telefónico onte sobre as seis da tarde. Iso supón un par de horas despois de rematar o descenso. Así que é moi improbable que caese na auga e estivese flotando sen filtración tanto tempo. A auga cortocircuitaría os dispositivos electrónicos. Por iso supoñemos que caeu en terra nalgún lugar indeterminado, pero non moi lonxe da Serra de Outes “, indicou esta mañá un dos profesores do IES Maruxa Mallo. “É unha mágoa que non se pillase o sinal do satélite, pois iso diríanos algún dato sobre a súa posición actual. O caso é que a estas alturas a batería xa estará esgotada e non esperamos recibir ningún sinal máis”, conclúe.
Por todo isto solicitan a axuda veciñal, a dos corpos de seguridade e vixianza da zona costeira e forestal, así como incluso a institucional (Concello) para a súa localización e recuperación. Neste sentido tamén contaron coa colaboración do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, quen xa contactou con outros rexedores da área para comunicarlles a situación e pedirlles axuda para recuperala. Para facilitarlles o traballo lles fixo chegar imaxes da cápsula para poder identificala facilmente.
“Agora estamos pensando como proceder para dar a coñecer a situación entre a poboación da comarca para que recoñezan a cápsula en caso de vela. Teremos que facer carteis e levalos á Serra de Outes ademais de inundar as redes e outros medios” indican dende o instituto ordense.
Entre outros experimentos o Marumasat III tiña como obxectivo facer nacer vida na estratosfera. Para isto depositaron no seu interior un ovo de abella obreira que debería eclosionar durante o seu paseo aéreo co reto de que o insecto regresara con vida á superficie terrestre. Tamén era prioritaria nesta misión a captación de imaxes estratosféricas de fenómenos como o ocaso da lúa diurna”.