Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia colabora coa Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica


Hidroloxía Médica traballará na implantación dunha historia clínica común informatizada nos balnearios galegos

Turismo de Galicia e mais a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración, enmarcado no Plan de Turismo Termal, para o desenvolvemento da Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica.

Segundo anunciouse no acto de sinatura, a Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica traballará na implantación dunha historia clínica común informatizada en todos os balnearios galegos co que se acadará unha maior profesionalidade. Así mesmo, traballará na unificación dos Protocolos Terapéuticos empregados para adaptalos aos aplicados noutros países de Europa e promoverá a investigación neste campo e favorecerá á difusión e o coñecemento da mesma mediante publicacións e outras accións de comunicación.

A través deste acordo, Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago levarán a cabo, cursos, seminarios, conferencias e outras actividades académicas que redundan na difusión, o coñecemento e a práctica da Hidroloxía Médica permitindo aos alumnos obter uns coñecementos básicos sobre as características das augas mineiro medicinais e as súas aplicacións terapéuticas.

Ademais promoverase a organización de actividades académicas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate médico entre profesores e médicos de balnearios, co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación médica e universitaria.

Con este acordo Turismo de Galicia volve a mostrar a súa forte aposta pola formación, a cal “repercute directamente na imaxe do sector e na calidade do destino”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou a importancia da oferta educativa superior e sinalou o esforzo, tamén económico, que supón o seu desenvolvemento con altos niveis de calidade.

Neste senso, Nava Castro afirmou que “a formación é fundamental para a diferenciación e a cualificación do sector termal”, “factores clave para potenciar a súa innovación e calidade”, explicou.

O turismo termal é un sector clave no desenvolvemento económico e social de Galicia. Segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia na súa intervención, o turismo de saúde en Galicia xera un volume de negocio que se aproxima aos 60 millóns de euros e proporciona 1.400 empregos directos.

Así mesmo, Nava Castro recordou que Galicia é líder na oferta de termalismo do Estado, tanto en calidade como en cantidade. “Oito balnearios galegos contan co distintivo Q de Calidade Turística, o que nos converte en líderes a nivel estatal en canto a calidade neste segmento”, sinalou a directora galega de Turismo. “A nosa comunidade ocupa tamén a primeira posición en canto a número de balnearios a nivel nacional”, engadiu. Actualmente os 21 centros de balneoterapia de Galicia, ofertan 2.862 prazas de aloxamento, o que supón o 67% da oferta total do Estado.

Formación especializada

A Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, a primeira en Galicia e a segunda existente en España, leva dende 2010 formando a futuros médicos neste eido, algo máis dun centenar cada curso. Ademais das clases teóricas, os alumnos teñen a oportunidade de realizaren prácticas en balnearios, o que lles permite coñecer como os facultativos dos establecementos termais aplican diferentes técnicas para o tratamento de enfermidades e doenzas diversas.

A isto hai que engadir, o máster que se imparte na Universidade de Vigo sobre Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, que conta tamén coa colaboración de Turismo de Galicia. Dito máster ofrece aos seus alumnos todas as ensinanzas necesarias sobre o aproveitamento turístico dos recursos termais.

O feito de contar cunha docencia específica sobre o turismo de saúde na comunidade incrementa non só a formación e a investigación no sector, senón tamén a súa competitividade e especialización.