Teresa Villaverde indica que “imos empezar polos núcleos, co obxectivo de que non haxa ningunha plantación preto das casas”
A oficina de Urbanismo do Concello de Lousame asesorará a toda a veciñanza do municipio sobre as obrigas de corta de arborado e rozas de acordo ao establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia. Así o anunciou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante unha charla informativa organizada polo Concello e impartida por axentes do distrito forestal IV Barbanza, encabezados por Odón López, á que asistiron máis de 130 persoas.
Villaverde Pais explicou aos presentes que esta obriga “non é unha cuestión política, senon de civismo. Non é un tema partidario, é un tema de país. É algo que ven do 2007 pero que non se obrigou a facer dende entón”. Por iso a alcaldesa de Lousame insistiu en que “imos empezar xa, porque senón non nos imos poñer nunca. E imos comezar polos núcleos, co obxectivo de que non haxa ningunha plantación preto das casas. Hai que facer o máximo no interior dos núcleos e despois ir ás estradas”, recomendando aos presentes que “ante calquera dúbida consultade no departamento de Urbanismo do Concello ou cos axentes forestais”.
Mapas
De feito, o Concello de Lousame elaborou uns mapas cos máis de oitenta núcleos do municipio onde quedan perfectamente delimitados os límites de cada núcleo a partir dos que hai que contar os 50 metros de distancia onde non pode haber eucaliptos, piñeiros nin acacias e ten que estar todo rozado. Uns mapas que estarán dispoñibles na oficina de Urbanismo de Lousame e que se subirán ao longo desta semana á páxina web e se repartirán polas distintas aldeas do municipio.
Durante a charla, Odón López fixo fincapé en moitos aspectos que están a confundir á veciñanza á hora da aplicación desta lei. Neste sentido, especificou que “estamos falando de plantacións, non dunha árbore na casa do veciño. Esas non se teñen nin se van cortar”. Tamén especificou que os 50 metros de distancia hai que medilos dende os límites do núcleo, non dende as vivendas, polo que recomendou que se consulte no Concello cal é a delimitación exacta. “En vivendas ailladas ou urbanizacións, mediremos dende a parede da casa”, apuntou López.
Todos os presentes insistiron na necesidade de comezar os traballos canto antes, xa que a lei establece que o prazo para rozar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado remata o vindeiro 31 de maio. Aínda así, os técnicos forestais recoñeceron a dificultade de acometer todo ese traballo en tan breve período de tempo, pero insistiron en que “se todos nos poñemos, ao longo do verán teremos o máis importante feito e poderemos pasar un verán máis tranquilo”.