Saturday 16 de November de 2024

A cápsula Marumasat III xa suca o ceo


O patio do IES Maruxa Mallo foi o lugar de lanzamento da cápsula espacial, ante a atenta mirada de centos de estudantes. O delegado territorial da Xunta na Coruña, o alcalde de Ordes, varios concelleiros do Goberno local, o secretario xeral de Política Lingüística e o científico televisivo Jorge Mira foron algúns dos espectadores

A cápsula espacial Marumasat III xa suca o ceo. Ante a mirada expectante de alumnado e profesorado do IES Maruxa Mallo tivo lugar o seu lanzamento. As condicións meteorolóxicas axudaron a que este fora un éxito e a que todo saíra como se tiña previsto. A Axencia Espacial Escolar Galega NOSA é a responsable de levar a cabo esta nova misión bautizada como ‘Niño no faro’. Nela participan tamén os IES Marco do Camballón, Miraflores e Xelmírez II, de Vila de Cruces, Oleiros e Santiago respectivamente.

O novo experimento proporcionará imaxes estratosféricas do fenómeno do ocaso da lúa diúrna, captadas a máis de 35.000 metros de altura. Outro desafío é o de facer nacer e regresar con vida á superficie terrestre unha abella obreira. A cápsula inclúe tamén os poemas vencedores do I Premio de Poesía Estratosférica. Concretamente será o relato gañador de cada un dos institutos participantes, e que no caso do ordense foi o de Sheila Cores Juncal. Como finalista resultou Verónica Bermúdez Vázquez.

Entre o numeroso público que non quixo perder o lanzamento destacou a presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro. Tamén contemplaron o momento o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, así como os concelleiros Susana García, Xosé Manuel Rodríguez e Ana Soneira. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o científico televisivo Jorge Mira tamén se deixaron caer hoxe polo IES Maruxa Mallo.