O grupo gañador poderá levar a práctica a súa historia a través dun curso práctico de realización de curtametraxes
A Deputación da Coruña organiza un programa de actividades con motivo do Día contra a Violencia de Xénero entre os que destaca o primeiro concurso de guións sobre esta temática para mozos de entre 14 e 18 anos.
As bases deste certame publícanse hoxe no BOP e consisten nun concurso de elaboración dun guión para unha curtametraxe a través do cal se conciencie e sensibilice na problemática e na prevención da violencia de xénero. Con esta actividade preténdese crear debate e mobilizar á poboación adolescente. Así mesmo, o obxecto do concurso procura a participación da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación.
Pódese participar de xeito individual ou preferentemente en grupo (máximo 6 persoas por grupo) e supervisado polo persoal docente do centro de estudos ao que están adscritos. A data límite para a recibir os guións é o 24 de decembro. De entre todos os participantes, elixirase un único gañador que recibirá (ou recibirán, en caso de que sexa un grupo) como premio un curso práctico de realización de curtas no que se producirá o vídeo baseado no seu guión adaptado segundo as necesidades e onde os autores poderán ser participes e protagonistas de todo o proceso.
Campaña de sensibilización
Ademais, a Deputación da Coruña poñerá en marcha unha campaña de sensibilización da poboación en xeral e especialmente do público infanto-xuvenil en colaboración cos concellos seleccionados: Boiro, A Laracha, Ordes, Sada, Fene, Melide e Santa Comba. Nestes municipios desenvolveranse durante os próximos meses actividades lúdico-educativas para construír unha identidade non sexista e non violenta na sociedade, así como transmitir valores de tolerancia, respecto, conviencia…
Dende o departamento de igualdade de xénero da Deputación, que organiza este programa, fomentarase a participación dos centros educativos na campaña así como o tecido asociativo e público en xeral involucrando á cidadanía e ás familias.
Sesión de contacontos
Por último, durante todo este mes lévase a cabo unha nova quenda de sesións de contacontos por distintos concellos. Nesta ocasión o grupo Ghazafelhos representa en directo O país dos mandóns da colección A igualdade conta.
Esta colección está integrada por seis exemplares dirixidos a lectores e prelectores de 3 a 7 anos nas que destacan valores de igualdade, tolerancia e convivencia. A Deputación pretende así loitar contra a tendencia das creacións literarias dirixidas á poboación infantil que en moitas ocasións consolidan estereotipos sexistas.
Con motivo da data internacional, nesta semana incrementaranse as representacións con ata sete sesións. As primeiras celebráronse onte en Ares, e hoxe en Melide. As seguintes serán:
• 26 de novembro. Camariñas: 12.30h, CEIP O Areal
• 26 de novembro. Muros 18.15h, Centro Cultural e Xuvenil de Muros
• 27 de novembro. Porto do Son 11.30h, Auditorio da Casa da Cultura
• 28 de novembro. Carral 11.00h, local social de Tabeaio
• 28 de novembro. Oroso 18.00h, centro cultural Fernando Casa de Novoa