Friday 22 de November de 2024

Gandeiros portugueses coñecen os traballos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo sobre produción de leite


Un total de 65 produtores e técnicos dunha cooperativa lusa visitaron o CIAM para interesarse polos seus estudos sobre o uso de ensilaxes de herba nas explotacións leiteiras

Un grupo de 65 gandeiros de vacún de leite e técnicos da cooperativa portuguesa Agros visitaron recentemente o Centro de Investigacións Agrarias (CIAM) de Mabegondo, adscrito á Consellería do Medio Rural. O obxectivo desta estadía foi coñecer as investigacións en materia de produción e utilización de ensilaxes de herba na produción de leite que leva a cabo este centro.

A xornada foi auspiciada no marco da colaboración entre o CIAM e a empresa biotecnolóxica Lallemand Bio SL. Foron recibidos polo director do centro, Manuel Luaces, quen lles comentou as particularidades e características da investigación aplicada e colaborativa que se realiza nestas instalacións de Mabegondo, no concello coruñés de Abegondo.

Posteriormente, o xefe do departamento de Pastos e Cultivos, o doutor Gonzalo Flores, impartiu unha conferencia sobre a produción, valor nutricional e utilización da ensilaxe de herba nas dietas das vacas de leite. Nela se remarcou a necesidade de aproveitar a capacidade das explotacións para producir ensilaxes de calidade que deben ser utilizados eficientemente na alimentación das vacas co obxectivo de reducir os custos de produción, evitar impactos ambientais e adecuar as características do produto e do proceso de produción de leite ás demandas actuais do consumo.

Proxectos en curso
Tras a charla sobre utilización de inoculantes para ensilaxe de herba do director de Lallemand Bio SL, Domenec Esteva, os participantes visitaron as instalacións experimentais de produción de leite e zonas de cultivos da finca do CIAM acompañados polo doutor César Resch e o enxeñeiro agrónomo Juan Valladares, que informaron aos presentes da marcha dos proxectos de investigación en curso, entre eles o proxecto INTERREG Dairy for Future que se desenvolve en colaboración con outros 11 centros de investigación e máis de 20 entidades privadas e públicas do sector lácteo do Arco Atlántico Europeo.