A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou na entrega de premios da Liga escolar benxamín de voleibol da provincia da Coruña, unha competición que se encadra dentro do Programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte. Durante o acto, celebrado no colexio Liceo La Paz, Mato Otero resaltou a importancia da actividade deportiva durante a etapa escolar e a súa función clave á hora de transmitir valores entre nenos e mozos.
Ademais dos trofeos, todos os rapaces participantes na liga recibiron unha mochila con merchandising da campaña Verdear é a actitude, presentada esta semana pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.