Thursday 21 de November de 2024

Nava Castro salienta o incremento de peregrinos do Camiño Inglés, que se sitúa como o terceiro itinerario máis transitado


As cifras deste 2018 constatan que é unha das rutas preferidas para peregrinar durante os primeiros meses do ano, só por detrás do Camiño Francés e Portugués
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o incremento de peregrinos que está a rexistrar o Camiño Inglés nos últimos anos, ata converterse neste arranque de 2018 no terceiro itinerario máis transitado, só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués. Convértese, así nunha das rutas preferidas para peregrinar durante os primeiros meses do ano.

Nava Castro fixo estas valoracións durante a inauguración de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promocional que se celebra desde hoxe e que continuará nos 18 municipios da provincia coruñesa polos que transcorre esta ruta. Nos seus nove itinerarios por terra, o Camiño de Santiago, está a medrar a un ritmo dun 6% neste arranque de 2018.

A cifra supera os 41.000 peregrinos de máis de 120 países diferentes. Deles, máis de 1.700 escolleron o Camiño Inglés, un 15% máis que hai un ano, cando a cifra non chegou 1.400. Con estes datos constátase que o reparto de peregrinos polos diferentes itinerarios é cada vez maior, contribuíndo a que a tradición xacobea e os seus beneficios se estean a distribuír nos concellos polos que discorre.

Desenvolvemento dos municipios

Así se constata nas primeiras conclusións do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago que realizou a Universidade compostelana para o Goberno galego e que destaca que o Camiño de Santiago impulsa o desenvolvemento do rural galego, onde é visto polos veciños como parte da solución. Combate a despoboación, xera riqueza, ten un impacto cultural positivo e é exemplo de sustentabilidade.

Nava Castro puxo en valor, ademais, o seu compromiso por acadar un Camiño de Santiago hospitalario, protexido e conservado para o que o Goberno autonómico traballa para a posta a punto de cada unha das rutas ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago. No Camiño Inglés investíronse xa máis de 1,4 millóns de euros nas actuacións de sinalización, rehabilitación e mantemento, ás que se inclúen, outras moitas accións de divulgación, posta en valor e mellora na acollida.