Os participantes contarán con 34 horas formativas tanto teóricas como prácticas para actuar nos accidentes nas estradas
Un total de 20 voluntarios de 5 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña comezaron en Muxía un curso de segundo nivel de intervención no caso de accidentes na estrada, que contará con 34 horas lectivas repartidas nos sábados e domingos das tres primeiras semanas do mes de maio.
Este curso vai dirixido a voluntarios que xa teñen o curso básico realizado e que proceden das agrupacións de Muxía, Ames, Corcubión, Vimianzo e Dumbría. Entre os coñecementos que adquirirán os alumnos figuran os primeiros auxilios en caso de accidentes de tráfico e en accidentes en risco ambiental.
Tamén adquirirán coñecementos tanto teóricos como prácticos dos métodos para actuar no caso de que fose preciso ter que recorrer á excarceración ou cando no accidente hai vehículos implicados con mercancías perigosas.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta acción formativa e aproveitou para “agradecerlle aos voluntarios o seu labor altruísta, desinteresada e comprometida que contribúe a facer cada día unha Galicia mellor”. Ademais, referiuse ao importante esforzo que se está a facer dende a AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) para achegar a formación aos voluntarios aos seus concellos a través deste tipo de cursos descentralizados.
Neste senso, apuntou que a formación é unha das claves que garante a eficacia nos múltiples casos aos que se teñen facer fronte os voluntarios de Protección Civil. “Estes cursos que se está impartindo en varios concellos da provincia permitirán mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións de emerxencias”, finalizou Ovidio Rodeiro.