En febreiro pasado a Xunta realizou unha oferta pública de adquisición de inmobles nos catro conxuntos históricos, co obxectivo de adquirir entre 30 e 40 propiedades para a súa posterior rehabilitación
Un total de 50 inmobles foron ofrecidos para a súa adquisición e rehabilitación pola Xunta de Galicia no marco da oferta pública de adquisición realizada no pasado mes de febreiro nos conxuntos históricos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense. A adquisición de inmobles nestes concellos enmárcase no programa Rexurbe que a Xunta pon en marcha este ano e a través do cal se adquirirán e rehabilitarán inmobles en zonas especialmente deprimidas dos cascos históricos das cidades e vilas galegas.
En febreiro a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) realizou unha oferta pública de adquisición de inmobles nos catro conxuntos históricos citados, co obxectivo de adquirir entre 30 e 40 inmobles dos que, unha vez rehabilitados, se agardaba obter 72 vivendas, ademais de locais comerciais.
O importe total previsto para a adquisición era de 3 millóns de euros. As 50 ofertas presentadas acadan un valor de 3,58 millóns de euros, polo que se agarda que se poidan investir na súa totalidade os fondos destinados á adquisición dos inmobles.
Unha vez rematado o período de presentación de ofertas, o IGVS está comprobando a documentación presentada para constatar que cumpren os requisitos e posteriormente realizarase unha taxación dos bens para realizar unha oferta de adquisición aos propietarios dos mesmos, tal como establecía a oferta pública de adquisición.
Prevese que a adquisición dos inmobles estea completada nos meses de setembro e outubro próximo e inmediatamente iniciarase a redacción dos proxectos de rehabilitación. A previsión inicial é destinar máis de dez millóns de euros á rehabilitación dos inmobles que se adquiran.
As ofertas presentadas reflíctense no seguinte cadro. No caso de que nalgún concello o importe dos inmobles que se adquiran sexa inferior ao investimento previsto no mesmo, os fondos restantes poderán empregarse noutro dos concellos si é necesario.
CONCELLO NÚMERO DE INMOBLES OFRECIDOS IMPORTE DA OFERTA € RÚAS NAS QUE SE EMPRAZAN OS INMOBLES
Betanzos 13 739.664,45 Cerca, Clérigos, Pinche, Alfolí, Díaz Lemos, Ferreiros, Travesa, Sombrereiros, Cristo
Ferrol 29 1.955.160,02 Espartero, Benito Vicetto, Castro, Praza do Cruceiro de Canido, San Francisco, Curuxeiras, Calexón do Curro, Mártires, Merced, Carmen Curuxeiras, Rastro
Lugo 4 110.200 Catedral, Carril dos Fornos
Ourense 4 753.697,06 Pelaio, Manuel Sueiro, Cervantes, Dous de Maio
TOTAL 50 5.558.721,53