O acto de presentación, que tivo lugar en Madrid, estivo encabezado polas SSMM os Reis de España
Isabel Zendal Gómez xa forma parte do Dicionario biográfico electrónico da Real Academia da Historia. A filla predilecta de Ordes e primeira enfermeira da historia en misión internacional segundo a Organización Mundial da Saúde engrosa esta ampla base de datos que acada 45.000 referencias de persoeiros ilustres e destacados da historia de España incluídos en 2.000 ámbitos de actividade.
As Súas Maxestades os Reis presidiron a presentación nun acto que tivo lugar no Palacio Real do Pardo onte xoves, 3 de maio. Entre outras figuras e cargos destacou a presenza do ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo; a directora da Real Academia da Historia, Carmen Iglesias; o Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, Carlos Espinosa de los Monteros; o director do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet; o secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo; e o secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital entre outras moitas autoridades.
Na gala, conducida polos actores Cayetana Guillén Cuervo e Fernando Cayo, houbo catro personaxes históricos que se fixeron presentes a través dunha gran pantalla no patio-claustro onde se desenvolveu a cerimonia: María Goyri (esposa de Menéndez Pidal), Santiago Ramón Cajal, Alfonso X O Sabio e a propia Isabel Zendal.
En palabras do Rei Felipe VI “este diccionario se convertirá en una obra de referencia, en una herramienta de trabajo imprescindible para investigadores, profesores, escritores y científicos pero, también, en una fuente de consulta permanente para estudiantes y para todo aquél que sienta la curiosidad de saber y conocer más de nuestra Historia”. Tamén afirmou que “no existe ningún proyecto digital en el ámbito internacional como este. Con él la divulgación de nuestra Historia y el talento de nuestros historiadores se sitúan en el más alto nivel de calidad y proyección tecnológica mundial”.
Nada máis coñecer esta noticia o rexedor ordense, José Luis Martinez Sanjurjo, quixo compartir con todos e todas a súa satisfación “por tan significativa e importante nova. Pouco a pouco estamos a conseguir que Isabel Zendal sexa coñecida polo conxunto da sociedade non so a nivel autonómico senón incluso internacionalmente. Este labor de promoción e difusión da nosa filla predilecta é un compromiso que este equipo de Goberno adquiriu no seu día, e que manteremos inalterable ao longo do tempo porque queremos que ocupe o lugar relevante e destacado que merece na historia da humanidade”
Para datar e documentar a inclusión de Isabel Zendal no dito diccionario a Real Academia da Historia contou coa colaboración e apoio da Asociación Isabel Zendal, con sede na cidade da Coruña. A súa presidenta, Pilar Farjas, aproveitou a ocasión para felicitar ao dito ente “pola recuperación par este índice biográfico da única muller participante na primeira campaña de vacinación internacional, a Real Expedición Filantrópica da Vacina. Con ela incorporamos aos protagonistas da nosa historia á primeira enfermeira en misión internacional, e con Isabel Zendal recoñecemos aos protagonistas galegos de tan importante efeméride sanitaria”, conclúe.