Friday 22 de November de 2024

O Ministerio de Medio Ambiente, disposto a estudar a construción da nova EDAR na actual localización da Silvouta


O Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente estudará a proposta do Goberno de Santiago para a construción da nova EDAR na parcela que ocupa a actual depuradora da Silvouta, utilizando a tecnoloxía granular aerobia. Así se acordou na reunión que esta mañá mantiveron en Madrid o alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, coa directora xeral da Auga do Ministerio, Liana Sandra Ardiles.

Na xuntanza desta mañá acordouse a convocatoria dunha comisión de seguimento da EDAR, na que participarán representantes do Concello, Augas de Galicia e Acuaes. O obxectivo é que a reunión se produza ao longo da próxima semana. O alcalde valorou positivamente que “por primeira vez se acepte contemplar a proposta do Goberno de Santiago para a nova EDAR da Silvouta como alternativa ao proxecto do Souto”.

Ao tempo, Martiño Noriega lamentou “a rixidez do Ministerio no que ten que ver coa tramitación do proxecto, porque segue rexeitando que quede exento da realización dunha Declaración de Impacto Ambiental, ou ben de que se realice un trámite simplificado”. Os informes que o rexedor presentou na reunión celebrada hoxe avalarían a posición do Concello ao respecto, acurtando notablemente os prazos para a construción da nova depuradora, e avanzou a súa vontade de “seguir batallando por esta opción, ben en Madrid, ben no ámbito europeo”.