O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou que este ano incrementáronse 48 novas prazas na provincia. Só nos albergues de Bergondo e Gandarío ofrécense 1.728 prazas nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña. Ovidio Rodeiro, valorou esta mañá a ampla oferta que a Xunta de Galicia ofrece aos mozos e mozas de entre 9 e 17 anos dentro da campaña de verán 2018 que sitúa de novo a Galicia como referente na oferta de ocio e tempo libre dirixida a mocidade. Ofértanse en total na provincia 3.108 prazas, 48 máis que o ano pasado, colocándonos á cabeza das catro provincias en número de prazas. Concretamente, na Coruña a oferta centrase nos albergues de Marina Española en Bergondo, Gandarío en Sada, Furelos en Melide, Virxe de Loreto en Porto do Son, campamento de Espiñeira en Boiro, granxa zoo en Grixalba Sobrado y na escola ecolóxica en Vilasantar.
Entre as principais novidades deste ano na nosa área metropolitana da Coruña destacan os dous campamentos tecnolóxicos que se desenvolverán no albergue de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo, do 1 ao 8 de setembro e que se dirixe a mozos e mozas de 12 a 14 anos. Os participantes nestas accións coñecerán as ferramentas necesarias para crear animacións de vídeo para representacións nocturnas sobre edificios e achegaranse aos fundamentos básicos que permiten a creación, control e voo e o funcionamento dun dron.
Ademais, á listaxe de equipamentos deste ano súmase este verán a escola de agricultura
ecolóxica de Vilasantar (Betanzos) que se desenvolverá do 2 ao 8 de xullo cun novo campamento de 20 prazas que permite incorporar á programación a temática do achegamento á agricultura ecolóxica e a posta en valor do medio rural.
O prazo para a reserva dalgúns destes campamentos remata o 18 de maio. As persoas interesadas poden facer a súa solicitude a través da páxina web da Xunta de Galicia ou descargando a solicitude en Xuventude.net e entregala en calquera dos rexistros da Xunta de Galicia.
Referente oferta ocio en Galicia
A Campaña de Verano 2018 “Vive tu Aventura” para Galicia presenta entre as súas principais novidades o incremento, unha edición máis, do número de prazas ofertadas, que ascende a 9870, 298 máis que na programación do exercicio anterior; así como un maior investimento ata chegar aos 3,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 8%.
Os campamentos de verán da Xunta de Galicia teñen un marcado carácter inclusivo ao reservar un centenar de prazas para nenos, nenas e adolescentes en situación de tutela ou garda da Xunta, outras 52 para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e 230 para xente nova con discapacidade. Das prazas reservadas para este último colectivo, 60 enmárcanse na convocatoria xeral que realiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e as 170 restantes correspóndense cos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade que dependen da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.
Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.
Campos de Traballo
No que atinxe aos campos de traballo, esta tempada estival terán lugar no territorio galego un total de 28, nos que os participantes realizarán tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e de fomento do emprendemento, así como labores propios da organización dun festival. Esta Campaña de Verán 2018 oferta 925 prazas en campos de traballo, das cales 603 son para a mocidade galega e as restantes para participantes doutras comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior.
Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutros puntos de España e en países europeos como Francia Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Armenia Turquía; e incluso de fóra de Europa como Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal, India e México.
Por último, a Xunta mantén a oferta da programación dirixida para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30, con 240 prazas dispoñibles; así como a oferta de prazas concertadas que volve ser este verán de 1195. Os concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos poderán facer uso desta oferta para organizar actividades en albergues e campamentos da Xunta.