Valentín González Formoso indicou que o investimento previsto era de 500.000 euros pero, “como o importe da adxudicación foi menor, imos ver se podemos usar ese remanente para adquirir outro vehículo máis”
A alameda de Noia acolleu o acto de entrega de tres novos camións de recollida de lixo por parte da Deputación Provincial da Coruña á Mancomunidade de Municipios da Serra do Barbanza. Uns novos camións que supuxeron un investimento provincial de 500.000 euros e que darán servizo a un área que conta con máis de 85.000 habitantes.
Un acto de entrega que é froito do convenio de colaboración asinado o 27 de xaneiro de 2016 polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a daquela presidenta da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza, Teresa Villaverde Pais, mediante o cal a institución provincial achegaría o 94% do custe total dos novos vehículos, que ascendía a 531.000 euros.
Esta mañá, o presidente provincial explicou que “como o importe da adxudicación foi menor, imos ver se podemos usar ese remanente para adquirir outro vehículo máis”. Así mesmo, González Formoso fixo fincapé en que “este acordo foi unha decisión de toda a corporación municipal para resolver un problema a 85.000 habitantes de 9 concellos. E adoptouse por unanimidade de todos os grupos, poñendo por riba dos intereses partidistas os intereses dos veciños”. Neste sentido, indicou que “estou convencido de que a Xunta fará tamén o seu esforzo porque a prioridade non son os alcaldes ou a empresa, senón os veciños”.
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza e alcalde de Noia, Santiago Freire, agradeceu a González Formoso “a posta a disposición destes vehículos, que esperamos que supoñan unha mellora significativa na prestación do servizo de recollida do lixo para os veciños e veciñas”.
Freire Abeijón agarda tamén que a incorporación destes tres novos vehículos “permita reducir os conflitos coa empresa que presta o servizo” e lembrou que así a Mancomunidade cumpre o seu compromiso de renovación da flota de vehículos, a pesar de ser “un sistema de concesión atípico”. Neste sentido, Santiago Freire lembrou que “agora prestan servizo 9 vehículos, dos que tres os temos en aluguer, e agora se incorporarán estes tres novos”
Valoracións Brión e Lousame
O alcalde de Brión, José Luís García, indicou que “como socio fundador da Mancomunidade teño que dicir que por fin unha administración se acordou e botou unha man, que vai repercutir en beneficio de todos os veciños e veciñas da comarca. Ogallá outra administración tome note e poidamos ter axudas adicionais pois, se fomos quen de aprobar a compra destes camións cos votos a favor de todos os grupos políticos provinciais, estaría ben que a Xunta de Galicia tamén botara unha man”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu o recoñecemento realizado esta mañá polo presidente provincial. “É certo que a xestión se iniciou sendo eu presidenta da Mancomunidade, aló por xaneiro de 2016, pero o importante é que hoxe celebramos a entrega destes tres novos vehículos que nos permitirán seguir cumprindo os compromisos de renovación da flota e, sobre todo, porque permitirán que o servizo aos veciños e veciñas non sufra máis alteracións, pois non debería haber máis problemas”, celebrou Villaverde Pais. Así mesmo, puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia coa Mancomunidade Serra do Barbanza, como demostra a adquisición dun remolque de alta tonelaxe especializado para traballos de compostaxe e abonos, con capacidade de ata 16 toneladas, adquirido en outubro de 2016 con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
No acto tamén estiveron presentes a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso; o alcalde de Carnota, Ramón Noceda; así como a deputada provincial Ánxela Franco; o tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez; e a tenente de alcalde de Brión, Iolanda Bouzas: Tamén asistiron Julio Bustelo, concelleiro de Policía Local de Noia; Ángela Neri, concelleira de Medio Ambiente de Noia; e os concelleiros socialistas de Noia, Miguel Paz, e Lousame, Julio Paradela.