Friday 22 de November de 2024

Xa son máis de mil os visitantes á exposición sobre O Afundimento do Santa Isabel


Onte superouse a cifra cando aínda non pasou un mes da apertura

Cando aínda non fai un mes que se inaugurou a exposición “O Santa Isabel: Emigración, Traxedia, Heroísmo” (fíxoo o 28 de outubro) o número de visitantes a esta mostra xa supera a simbólica cifra das mil persoas.

Concretamente, foron un total de 1.017 os interesados que, ata agora, pasaron pola sala alta do Auditorio Municipal para contemplar esta ambiciosa acción, na que se reflicte todo o acontecido cun dos sinistros náuticos máis notables e con maior transcendencia mediática que se lembran en Galicia: dende os detalles da construción do buque, iniciada en 1914 na factoría de Matagorda (Cádiz), pasando pola cronoloxía do naufraxio, ata as homenaxes recibidas por xente como as chamadas Heroínas de Sálvora.

CEIP Heroínas de Sálvora
Dende o Concello estase a traballar para que grupos tanto de adultos como de escolares visiten a exposición, ante os valores históricos e didácticos da mesma. De feito, o vindeiro mércores día 2 de decembro está prevista a visita de 50 rapaces de Primaria procedentes, precisamente, do CEIP Heroínas de Sálvora, situado en Aguiño.

En canto a procedencia dos visitantes, ademais da comarca, constatouse a presenza de xente chegada de localidades como Vigo, A Coruña, Santiago, Madrid e incluso Vizcaya: un caso este último en que acudiu unha persoa que era neta dun dos que ían a bordo do buque.

Son máis de cen pezas, moitas delas inéditas, as que se poden ver na exposición. Algunhas tan significativas como o semicasco do vapor, cartas e planos orixinais, ferramentas que se utilizaron para a súa construción, cubertería e mobiliario orixinal, un cadro do postimpresionista José Seijo Rubio realizou en 1921, o ano do naufraxio; útiles e distintivos do segundo oficial Luis Cebreiro, unhas sesenta novas aparecidas en prensa, maquetas, creacións audivisuais e outros obxectos que fan da mostra sobre o Santa Isabel un lugar ineludible para todos os veciños e interesados no mundo do mar.