O Mercado de Moeche que se celebra todos os sábados vai collendo forza pouco a pouco. Desde a súa apertura hai escasos catro meses, o recinto converteuse nun referente para atopar produtos alimentarios de primeira calidade, moitos deles achegados por pequenas empresas da zona, pero tamén artesanía e outros artigos que responden á filosofía dun mercado de proximidade e de toda confianza. Á cita dos sábados acoden habitualmente postos de verdura, embutidos, pan e doces, queixos, etc. Ademais, o Concello adxudicou recentemente a xestión do espazo hostaleiro e tamén do dedicado á venda de peixe, dous dos principais alicientes dun mercado que vén complementar a oferta comercial das feiras do 11 e do 23 que a Administración local tamén quere reordenar.
O procedemento de adxudicación da zona de bar e da peixaría iniciouse no mes de febreiro coa publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da licitación de ambos espazos comerciais que, polas súas características, requiren unha xestión a longo prazo. Ao remate de todo o proceso, Pilar Rodríguez Vergara resultou adxudicataria do emprazamento hostaleiro por un prezo anual de 1.200€. O bar abrirá todos os sábados de mercado e os días de feira, ademais dos días en que se organicen eventos, xa sexan por iniciativa da titular -previa autorización municipal- ou ben por iniciativa do Concello, como pode ser o caso dos entroidos ou doutras celebracións anuais.
Por outra banda, a xestión do servizo de peixaría recaeu en Peixes Germán, de Cedeira, quen achegará produto fresco e tamén a posibilidade de realizar encargas de peixe e marisco de todo tipo que logo se poden recoller no mercado. “Esta é unha opción moi cómoda e útil, sobre todo agora que vén o verán e con el as festas patronais”, apunta Beatriz Bascoy. A alcaldesa engade que a peixaría tamén producirá “un efecto chamada” cara ao mercado, debido a que os sábados “non hai onde mercar peixe fresco, a menos que nos acheguemos a Narón ou a Cedeira”. Deste xeito, segundo Bascoy, complétase unha oferta variada e estable de produtos “da máxima calidade”.
A adxudicación dos dous espazos fixos no Mercado de Moeche supón “un paso máis” no camiño de “poñer en valor todo o recinto”, comenta a rexedora. Unha posta en valor que abrangue a mellora de infraestruturas como as naves e os accesos ou o sistema de iluminación, que agora se pasará ao LED, pero tamén a reordenación das feiras do 11 e do 23. Neste sentido, o Concello iniciou a finais de 2017 un plan de traballo para que a xestión feiral sexa “máis eficiente e máis cómoda tamén para os comerciantes”.
Nunha primeira fase recabouse información dos postos que asisten habitualmente, ademais de recoller documentación actualizada sobre titulares e actividades e sobre o estado de pagamento do espazo ocupado. A información recollida serviralle agora á administración local para propoñer unha reestruturación das feiras “que non lle afectará tanto á configuración como á maneira en que se aproveita o espazo”. Desta maneira os postos permanentes saberán sempre cal é o seu sitio -o chan conta con marcas para delimitar os lugares asignados- e tamén os metros que poderán ocupar de acordo coa licenza que teñan concedida. Por outra banda tamén se establecerán as zonas para postos “do día” -os que non acoden regularmente- e facilitarase o pagamento semestral ou anual das taxas, ben a través do banco ou ben directamente no Concello.
Moita e variada oferta para este sábado
Volvendo ao Mercado, este sábado 5 de maio volverá haber unha grande oferta de produtos, principalmente relacionados coa alimentación. Ademais da peixaría, na nave estará tamén a panadería de Santa Cruz, poderemos mercar froitas e legumes no posto de Laura Rañal, atoparemos verdura ecolóxica dos viveiros locais Las Torres, haberá queixos frescos e outros produtos de Lácteos Sanjurjo e, non poden faltar, os semicurados e curados de Queixos de Moeche. O mercado contará tamén con Embutidos Otero e co posto A Castrexa, que oferta marmeladas, zumes e alimentos ecolóxicos. O variado catálogo péchao o posto de agasallos, téxtil e flores La Feria.