Friday 22 de November de 2024

O Parque Compostela Rupestre permitirá poñer en uso o Centro de Interpretación de Villestro


A posta en uso do Centro de Interpretación de Villestro será un dos primeiros obxectivos do Parque Compostela Rupestre, que están a activar a Deputación da Coruña e os concellos de Santiago, Ames, Teo, Val do Dubra e Brión. Así se acordou na xuntanza celebrada hoxe no Pazo de Raxoi, á que asistiron representantes das diferentes administracións implicadas. Na reunión volveuse tender a man aos municipios de Boqueixón e Vedra para que se incorporen ao proxecto.

Os cinco concellos integrados ata agora no proxecto xa teñen ratificado en pleno o convenio de colaboración que se asinará despois de que a Deputación da Coruña cumpra ese mesmo trámite, previsiblemente este mes. É a institucional provincial a que vai financiar as actuacións do Parque Compostela Rupestre, cunha achega de 500.000 euros. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, agradeceu hoxe a implicación da Deputación, que “permitirá cumprir o soño dos concellos e tamén da asociación A Rula, que leva anos traballando pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Compostela e a súa contorna”. Na mesma liña, o deputado Xosé Regueira quixo reivindicar “esta maneira de traballar que pon en valor a colaboración institucional e que permite sacar adiante proxectos de enorme interese para a cidadanía”.

Centro de Interpretación
Jorge Duarte explicou que en xuño está prevista a constitución do comité xestor que definirá as prioridades de actuación no proxecto Compostela Rupestre. O concelleiro apuntou que un dos primeiros retos será “a recuperación do Centro de Interpretación de Villestro, que está creado pero que carece de proxecto museográfico que permite que sexa de utilidade á hora de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e poñer as bases para preservalo”.

O concelleiro de Espazos Cidadáns mostrou o seu desexo de que o proxecto museográfico do Centro de Interpretación de Vilestro estea aprobado no prazo dun ano, “horizonte temporal no que tamén deberamos ter elaborado o Plan Director da Compostela Rupestre e definidos os primeiros roteiros para a posta en valor dos petróglifos máis importantes da comarca”.

O convenio de colaboración que será asinado polos cinco concellos e máis a Deputación da Coruña terá unha vixencia de catro anos.