Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes pon en marcha dende este venres a campaña ‘Un Nadal para todos’


Poderanse depositar alimentos e bebidas non alcohólicas nos supermercados Gadis, Eroski e Covirán ata o próximo 13 de decembro

Un ano máis o departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes pon en marcha a campaña ‘Un Nadal para todos’. Unha iniciativa solidaria na que se require a implicación de toda a veciñanza de Ordes para a recollida de alimentos e artigos de primeira necesidade, así como de bebidas non alcohólicas.
Para iso cóntase coa colaboración dos supermercados Eroski, Gadis e Covirán, onde se instalarán contedores para depositar os produtos. A campaña arrancará este venres e finalizará o vindeiro 13 de decembro. Posteriormente o Concello encargarase de clasificar e distribuír os lotes entre aquelas familias e fogares máis afectados pola crise.
“O que queremos é que todos os veciños e veciñas de Ordes poidan desfrutar das vindeiras festas do mellor xeito posible, e poidan sentar nunha mesa na que non falte de nada”, comenta o alcalde Manuel Regos. “Para iso pedimos que a xente se sume ao esforzo e á axuda que xa brindamos dende o Concello, porque ese é o mellor xeito de poder facer un bo Nadal entre todos e todas e para todos e todas”, conclúe.