Saturday 16 de November de 2024

Os alevíns das Escolas de Fútbol Silleda e os benxamíns do Atlético Fátima, gañadores do VI Torneo de Fútbol Base F8 Lousame


Participaron 22 equipos de 13 clubs das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago, A Barcala e Deza

Os alevíns das Escolas de Fútbol de Silleda e os benxamíns do Atlético Fátima proclamáronse campións do VI Torneo de Fútbol Base F8 Lousame, organizado polo Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame, e que se xogou onte martes no campo de fútbol de Cabanetán (Lesende-Lousame). Toman así o relevo do Atlético Riveira e da SD Villestro, que esta edición tiveron que conformarse cun cuarto e terceiro posto, respectivamente.

Un torneo no que participaron 22 equipos de 13 clubs das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago, A Barcala e Deza das categorías benxamín (8-9 anos) e alevín (10-11 anos). Todos os nenos e nenas participantes levaron unha medalla conmemorativa como agasallo, mentres que os catro primeiros clasificados de cada categoría gañaron tamén un trofeo. Uns premios que foron entregados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Deportes, María Regenjo; o membro da directiva do Club Lesende Deporte, José Manuel Outeiral; e o presidente do Lesende CF, Antonio del Río.

Alevíns

O torneo caracterizouse este ano pola gran igualdade entre os equipos que chegaron ás semifinais, nos que todos os partidos estiveron moi parellos e case todos se resolveron pola mínima. Na categoría alevín, o conxunto gañador foi a EF Silleda, que repetiu o éxito acadado na edición de 2014. Os silledenses derrotaron por un apertado 2-1 ao Sálvora CF, que mesmo puido forzar os penaltis na derradeira ocasión do encontro.

O equipo do Deza rematou o torneo invicto, con 14 goles a favor e 6 en contra, cedendo só un empate a 1 na liguiña ante a SD Villestro, a quen derrotaron posteriormente en cuartos de final por 5-3. O xogador Álvaro Lázara (EF Silleda) foi premiado como o mellor xogador da final e recibiu o seu galardón da man do presidente do Lesende CF, Antonio del Río.

O terceiro posto foi para os locais da Asociación Deportiva Cruído (Lousame), que adiantou ao Outes Club de Fútbol pola súa mellor clasificación na liguiña previa. Ambos equipos perderon nas semifinais por un axustado 1-0 co Sálvora CF e as EF Silleda, respectivamente.

Benxamíns

A final do torneo benxamín entre o Atlético Fátima e o Noia CF tamén foi moi igualada, cando menos ata a última xogada da primeira parte, na que se adiantaron os composteláns. A segunda parte foi totalmente dominada polo Atlético Fátima, que rematou derrotando por 3-0 ao Noia CF. Os composteláns completaron así un torneo perfecto, no que gañaron todos os partidos xogados con 20 goles a favor e só dous en contra. O xogador Mario Vidal (Atlético Fátima) foi premiado como o mellor xogador da final, recollendo o seu premio de mans da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

O terceiro posto foi para a SD Villestro, que perdera por 1-0 cos campións cun gol marcado nos últimos dous minutos do partido. O cuarto posto foi para un dos favoritos da fase de grupos, o Atlético Riveira.

Participantes

No VI Torneo de Fútbol Base F8 Lousame tomaron parte 22 equipos de 13 clubs: Noia CF, Outes FC, SD O Pino, Atlético Riveira, Xuventude Aguiño, Bastavales UD, AD Cruído, SD Villestro, Xallas FC, Sálvora CF, EF Silleda, CD Taragoña, Atlético Fátima e os rapaces das Escolas Deportivas Municipais de fútbol sala de Lousame.

Dende o Club Lousame Deporte agradeceron a colaboración do Concello de Lousame, da Deputación da Coruña, do Club de Fútbol Lesende e da Federación Galega de Fútbol, así como dos patrocinadores: Canal-Tec, Excavaciones M. Rodríguez SL., Sóñora Fernández SLU, Muebles Muñiz, Silmaplast, Autos Comparado, Fisioterapia Cinesia, Deportes Casais, Autos Patiño, Paco´s Moda, SGS Gestión de Seguros SL e Lolita Moda.