No V aniversario da súa morte a casa da cultura acollerá un memorial no que actuarán as formacións Ibérica de Danza e Sementes da Arte
O Concello de Ordes celebrará o venres 5 de decembro ‘Memorial Juanjo Liñares. V aniversario’. Unha iniciativa de balde para todo o público que queira asistir e na que se renderá un recoñecemento e homenaxe ao coreógrafo e bailarín Juanjo Liñares.
A cita será a partir das 20 horas no auditorio da casa da cultura. Sobre o escenario interpretarán e bailarán varias pezas as formacións Ibérica de Danza e Sementes da Arte. Precisamente esta última foi fundada en Ordes polo recoñecido bailarín que, ademais, dá nome ao museo do traxe situado na vila. A doazón de traxes recompilados ao longo da súa vida por todo o mundo constitúen un dos legados máis importantes de todo o territorio nacional neste eido.
Durante 40 anos o máis importante coreógrafo de Ordes ademais de fillo predilecto, dedicouse a investigar as danzas tradicionais de toda España. Liñares contaba con obras no repertorio do Ballet Nacional de España, e acadou recoñecementos tan importantes como a medalla das Belas Artes, a medalla de bronce de Galicia, a medalla de Ouro da Federación Española de Agrupacións Folclóricas (FEAF) ou o diploma de Mestre do Mundo outorgado pola Universidade Northeastern de Illinois (Chicago), entre outros.
Tamén foi mestre de Aida Gómez ou de Manuel Segovia, que actualmente dirixe a Compañía Ibérica de Danza, e cuxa presenza está confirmada para o vindeiro venres.