Os socialistas insistiron en que o PP considera as pensións como un gasto e non como un dereito
A charla sobre “O futuro das pensións” organizada pola Agrupación Socialista de Ordes encheu na noite de onte o salón de plenos municipal. Unha iniciativa na que os poñentes informaron aos veciños e veciñas sobre a situación actual do sistema de pensións e responderon ás súas dúbidas, a maior parte delas correspondentes á relación entre anos cotizados e importe a percibir no futuro.
O poñentes na charla serán Juan Díaz Villoslada e Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputados do PSdeG no Parlamento de Galicia, que estiveron acompañados por Pedro Blanco Lobeiras, coordinador dos servizos xurídicos e avogado na UXG Galicia, que foi quen se encargou de responder ás cuestións particulares de cada veciño ou veciña. Todos eles foron presentados por Alejandro Manteiga, voceiro municipal do PSdeG de Ordes.
Begoña Rodríguez Rumbo incidiu na charla en que “o problema é que o Partido Popular considera as pensión como un gasto e non como un dereito”, denunciando o baleirado do Fondo de Reserva da Seguridade Social durante os anos de goberno do PP no conxunto do Estado. Así mesmo, a deputada socialista fixo especial fincapé en que “a situación en Galicia é moito máis preocupante. Os nosos pensionistas non só cobran 144 euros menos de media ca no resto do Estado, senón que o número de afiliados por pensionista é menor en Galicia ca na media de España: 1,4 fronte a 1,9”.
Neste sentido lamentaron que, se se manteñen as pretensións actuais do Goberno do Estado, un pensionista de 65 anos que na actualidade cobre 1.000 euros de pensión terá perdido 10.000 euros cando cumpra os 75 anos e ata 35.000 euros cando chegue aos 85 anos. “E que fai a Xunta de Galicia fronte a esta situación?”, preguntouse Begoña Rodríguez Rumbo, “deixar 133 millóns de euros sen executar na partida de Emprego de 2017, que superan os 500 millóns se temos en conta os últimos 5 anos”.