A escasos dous días da XXIII Feira da Plantación de San Sadurniño, o Concello quere que o evento non quede só nese día, senón que sirva tamén para reflexionar e aprender sobre as posibilidades socioeconómcias que ofrece o mundo rural. Por esta razón, e en colaboración con tres entidades que traballan neste ámbito, a área de Desenvolvemento local organiza para a tarde deste venres unha xornada técnica aberta ao público na que falar de fructicultura, de comercialización de proximidade e de apicultura como tres desas alternativas que aínda teñen marxe e potencial de crecemento. Será a partir das 16.00h. na Casa da Cultura.
A xornada denomínase “Apostando polo sector primario” e o encargado de abrila é o enxeñeiro e membro da AGFA do Eume Ramiro Martínez, quen analizará o potencial da fructicultura en base a especies autóctonas, ademais de explicar a maneira de planificar novas plantacións ou de recuperar as xa existentes. Martínez comentará co público a importancia de elixir ben as variedades axeitadas para cada tipo de terreo, os tipos de patróns de enxertado e as técnicas de plantación e mantemento que aseguren bos rendementos por hectárea.
Ás 17.30h. tocaralle a Carme Freire, representante da asociación Lentura, quen contará a experiencia colaborativa entre casas labregas agrupadas nesta entidade da zona de Compostela e da Maía. Os pequenos produtores e produtoras que forman parte de Lentura subministran aos mercados próximos todo tipo de produtos da horta -frescos e transformados-, obtidos de maneira sostible e con prácticas de agricultura ecolóxica. A iniciativa recupera e actualiza o sistema tradicional de produción e de comercialización aproveitando a cercanía dun grande núcleo de poboación como é Santiago. Unha fórmula que ben se podería pór en práctica na nosa zona coa mirada posta en Ferrol e a súa contorna.
O peche das charlas -19.00h.- correrá por conta do técnico arxentino Hugo Negrioli tratando o manexo produtivo da colmea vertical. Negrioli, que é especialista en cría e selección de abellas nais, centrará a súa charla en ofrecer nocións básicas sobre os apiarios e sobre o manexo das abellas, nun momento en que as explotacións, grandes e pequenas, se ven seriamente ameazadas por enfermidades e polos ataques da avespa asiática.
A xornada está organizada polo Concello en colaboración coa AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel de Goente.
25 participantes no curso de apicultura da Casa do Mel
En relación coa apicultura, este sábado continúa o curso impulsado pola Casa do Mel no marco do convenio que ten suscrito co Concello para a promoción do mundo das abellas en San Sadurniño. Nel inscribíronse un total de 25 persoas que, durante a sesión do sábado pasado, asistiron a unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas.
Na clase de mañá -segundo día de curso- tratarase a instalación do apiario, a flora máis propicia para a produción de mel e as prácticas de reprodución dos enxames. A semana que vén facilitarase información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática, da varroa e da loque.
O último día desta acción formativa, o sábado 12 de maio, a clase trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se poden sacar da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.